Viñetas desde o Atlántico chega ao seu final esta fin de semana na Coruña

Nas dúas mostras dos Premios Castelao de BD 2023 -abertas até o 30 de setembro-, o público terá a oportunidade de descubrir o proceso de creación, así como orixinais e bosquexos das creacións gañadoras, nacidas da man de dúas das novas figuras a seguir da BD emerxente galega.

Animación na Rúa da BD.
photo_camera Animación na Rúa da BD.

A 27ª edición de Viñetas desde o Atlántico chega ao seu fin esta fin de semana con, entre outras actividades, firmas, unha visita guiada ás exposicións dos Premios Castelao de BD e o día grande do Festival de Autoedición Autobán.

Este sábado, a actividade de Viñetas comeza na Sala Salvador de Madariaga coa visita guiada polas mostras dos Premios Castelao de Banda Deseñada 2023 da Deputación da Coruña: Paula Mayor (A Coruña, 1975), na modalidade xeral, pola súa obra Rosalía Oculta, na que aborda a versión máis humana da poeta; e Cristian F. Caruncho (Bidueiros, Couzadoiro, Ortigueira, 1997), merecedor do galardón na súa modalidade para público infantil e xuvenil, polo seu western O día de San Martiño.

Nestas dúas mostras dos Premios Castelao de BD 2023 -abertas até o 30 de setembro-, o público terá a oportunidade de descubrir o proceso de creación, así como orixinais e bosquexos das creacións gañadoras, nacidas da man de dúas das novas figuras da BD emerxente galega.

A praza de San Andrés acollerá o mercado de fanzines autoeditados de Autobán, ademais de obradoiros para todas as idades e un concerto de Conxita Herrero e Corazón; mentres que, ás 23.30 horas, no Bar 13, terá lugar o Festón Post Autobán.

No Kiosco Alfonso, tamén este sábado, os autores convidados de Viñetas desde o Atlántico 2024 Yeyei Gómez, Marc Torices, Kundo Krunch, Marcello Quintanilha e Manuel L. Poy asinarán exemplares dos seus libros, mentres que na Rúa da BD sucederanse máis de medio centenar de sinaturas de figuras como Emma Ríos ou Iván Sarnago, entre moitas outras.

A xornada deste domingo propón, tamén, un concerto infantil de Chuches A Mil, e un encontro profesional para editores e libreiros especializados no Circo de Artesáns

Máis en CULTURA
Comentarios