Máis

Compostela faise a man

"A cidade paralela, aquela que nos habita".
Diferentes puntos de Compostela acollerán actuacións musicais até o vindeiro 24 de agosto. (Foto: A. C. Cidade Vella)
photo_camera Diferentes puntos de Compostela acollerán actuacións musicais até o vindeiro 24 de agosto. (Foto: A. C. Cidade Vella)

Desde 2003, o festival Feito a Man enche as rúas de Compostela (comarca homónima) de cultura durante o longo mes de agosto. As picheleiras e picheleiros poderán desfrutar de máis de corenta propostas artísticas até o vindeiro día 24, repartidas en trece espazos emblemáticos da zona histórica da cidade, como Praterías, a Quintana ou a praza de Feixoo, entre outros.

Nesta XXI edición, o festival leva o lema A cidade paralela, aquela que nos habita. Defínese como diversidade, polo que nel participarán artistas chegadas de Bélxica, Arxentina ou Cuba que veñen compartir o seu talento folk, rock ou jazz. Así e todo, a meirande parte son grupos musicais de gran traxectoria no país: Ailá ou Ruxe Ruxe. Apóstase ao mesmo tempo por artistas emerxentes como Pablo Leira ou o novo grupo do cantante Jasper, Loita Amada.

Esta noite, o artista de pop-rock ALE e as rancheiras de Tabernarias encherán as rúas da cidade ás 20.30 e 22.15 horas, respectivamente. Algunhas das propostas artísticas para os vindeiros días son Os Carismáticos ou Satélite Salitre. O sábado 24, Feito a Man fechará con catro grandes actuacións: a sesión vermú do irlandés Brian Body e o serán musical de Ghuin Pan Funk Dj Set, Irmaus da Raia Seca e Chekan na Quintana a partir das 20.30 horas. 

A Asociación Cultural Cidade Vella encárgase da organización do Feito a Man, incluíndo nas súas filas diversos estabelecementos hostaleiros da zona vella compostelá e coa colaboración do Concello de Santiago e a Deputación da Coruña. Apostan pola cultura sostíbel, diversa e implicada na transformación social fomentando sempre o talento propio e alleo.

Comentarios