Sara Dowling ofrecerá jazz clásico no Canjazz 2024

A continuación o público poderá gozar da actuación de Daniel Corral Modern Trio no Ghato de Mar.

Sara Dowling en concerto. (Foto: Canjazz)
photo_camera Sara Dowling en concerto. (Foto: Canjazz)

A voz tomará o protagonismo esta terza feira no Canjazz 2024. A británica Sara Dowling, galardoada co premio á Mellor Vocalista nos British Jazz Awards de 2019, é recoñecida como unha das cantantes de jazz de maior talento de Europa.

De orixe palestina e irlandesa, Dowling formouse primeiro como violonchelista na Chetham’s School of Music e no Royal Northern College of Music de Manchester, antes de emerxer como a poderosa e expresiva vocalista de jazz que é coñecida hoxe en día.  

A súa personalidade está marcada pola súa herdanza familiar, principalmente polo lado palestino, que lle achega esa parte emocional e nostálxica. Malia non ter vivido nunca alí, recoñece que ás veces sente morriña xa que "sendo palestina a nostalxia magnifícase por defecto e transmítese de xeración en xeración". Desde o inicio dos bombardeos indiscriminados sobre Gaza o pasado mes de outubro, Dowling participou en numerosas mostras de apoio o pobo palestino denunciando enerxicamente o xenocidio israelí.

Dowling estará acompañada ao piano por Albert Sanz, un dos artistas máis destacados e respectados no panorama internacional do jazz. Sanz é amplamente recoñecido como unha voz única, lírica e inventiva cunha bagaxe musical española e suramericana e un gran coñecemento do jazz afroamericano e das tradicións clásicas europeas. Xunto a eles poderemos escoitar ao contrabaixista Dario Di Lecce e ao batería Esteve Pi.

Jam session

 A partir das 23.30 horas o Ghato de Mar acollerá o concerto de Daniel Corral Modern Trio, unha formación moi influenciada por diferentes xéneros do Jazz, compaxinando standards cun repertorio moderno.  Ao piano estará Daniel Corral, colaborador de Joan Chamorro no proxecto IJO en Vigo. David Taboada estará na batería, e o baixo depende das mans de Diego Nogueira.

Comentarios