Supercidades para construtores de seis anos en diante

Chega o Nadal e as programacións infantil agroman por toda parte, desde museos a teatros ou bibliotecas. En Vigo, na libraría Libros para Soñar, de Kalandraka, as crianzas a partir dos 6 anos poderán construír a cidade dos seus soños, o mundo imaxinario no que quererian vivir.

 
cartaz do obradoiro
photo_camera cartaz do obradoiro

De seis anos en adiante e do 26 ao 29 de decembro, mini-arquitectura de soños da man do ilustrador Pablo Otero que se pon á fronte dun obradoiro no que todos os sentidos se poñen a andar. “Un taller de plástica total onde xuntos podemos imaxinar, planificar e construir esa cidade na que nos gustaría vivir” reclama o programa de "Supercidades", un encontro lúdico e de aprendizaxe que xa se realizou na Coruña.

Elaboración de maquetas, pintura, modelados, reciclase, planificación e construcción son os elementos cos que se elabora o que se presenta como un xogo mais tamén como unha visión crítica e reflexiva sobre os espazos de vida.

O ilustrador Pablo Otero ten traballado na elaboración de escenografías para teatro ademais da elaboración de cartaces. Formouse na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e ten na súa traxectoria distintos premios e distinción polo seu traballo artístico e creativo. Con “Contos por teléfono” acadou o Premio Isaac Díaz Pardo de Ilustración no 2011.

Comentarios