Terbutalina e Skandalo GZ para os 25 anos do Revoltallo

O  festival terá lugar esta fin de semana na Carballeira do Pedregal na parroquia viguesa de Valadares. O cartaz inclúe grupos emerxentes locais e un programa de actividades complementarias para todas as idades

Terbutalina
photo_camera Terbutalina

Esta fin de semana terá lugar en Valadares (Vigo) a XXV edición do Recoltallo, o festival “de música emerxente” que é un referente no país. Skandalo GZ na sexta feira, e Terbutalina, o sábado, encabezan un cartaz que se completa con grupos emerxentes locais, con actividades familiares e con varios obradoiros.

Sara Alonso, da organización do Revoltallo, explicou que seguindo a mesma liña da traxectoria do festival se deu cabida a todos os estilos musicais, desde o trap en galego ata a música clásica ou os grupos instrumentais. Así, nesta edición estarán a Fanfarria Taquikardia, Son Trío, Boyanka Kostova, Cuarta Xusta, Blues do País, Treintañeras Cañeras, Cé Orquesta Pantasma, The Lelli Kelly’s, The Manueles e DJ América.

“Eu teño 25 anos igual que o Festival, polo que nacín e medrei co Revoltallo e vendo como ao longo deste tempo foi ofertando música emerxente para todos os públicos e o que pretendemos este ano é que incremente a asistencia de público”, asegurou Sara Alonso

“Este é un dos festivais que contan con apoio da Deputación por cumprir requisitos como o de organizar actividades tanto para a mocidade como para a cativada e o público adulto, por apostar pola igualdade de xénero e polo uso da lingua galega, e por ser un evento que xurde do propio tecido asociativo” afirmou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, na presentación desta edición.

Máis en CULTURA
Comentarios