Uxía e Narf levan unha “lingua viaxeira” a Chile, Arxentina e Uruguai

“Cancións da Lingua Viaxeira” é o concerto que Uxía e Narf levan a Chile, Arxentina e Uruguai nunha xira latinoamericana que inician despois de teren participado no MicSur (Mar del Plata) e Bos Aires canda Rosa Cedrón e Budiño con “Atlántic@s”.

Uxía e Narf
photo_camera Uxía e Narf

Uxía e Narf acopmañáronse en Chile da cantautora Natalia Contesse no primeiro dos tres concertos que iniciaron no país de Pablo Neruda que continuará en Bellavista e Viña del Mar, na xira que titulan “De Santiago de Compostela a Santiago de Chile” pola que se darán a coñecer por primeira vez co espectáculo “Cancións da Lingua Viaxeira”. 

A quinta feira, 4 de xuño viaxarán a Arxentina para, ao día seguinte levar a súa música a Montevideo e o sábado día 7 rematar en Cidade de Formosa. 

Tanto Uxía como Narf levan a Latinoamérica os sons galegos impregnados polos ritmos da lusofonía, en especial de África no caso de Narf e de Portugal e Brasil no de Uxía. É a primeira vez que Uxía e Narf suman cancións nun espectáculo conxunto artellando un concerto intimista que reúne cancións relacionadas coa viaxe e os seus múltiples encontros a través da lingua que se expresa nas súas cancións. 

Viaxe e encontros
 
O “cancionista” Fran Pérez NARF ten na súa traxectoria catro traballos coa súa sinatura, o recente “Nas tardes escuras”, no que musica poemas de Rosalía de Castro, “Aló irmao” con Manecas Costa, “Tótem” e “Directo en Compostela”. Pola súa parte, Uxía, é unha das voces máis sólidas, recoñecidas e internacionais do panorama musical galego, con máis de trinta anos no mundo da canción desde os seus iniciais “Entre cidades” ou “Estou vivindo no ceo”. Alén de moitos títulos máis e infinidade de proxectos, a viaxe e o encontro son sinais de identidade da súa traxectoria, con fitos xa na nosa música como o Festival Internacional da Lusofonía “Cantos na Maré”, que ela dirixe en Pontevedra e a través do que convidou ás principais voces de Portugal, Brasil, Cabo Verde, Guinea Bissau, etc. “Meu Canto” é o seu disco máis recente, gravado no Brasil e producido por Jaime Alem, produtor tamén de de María Bethânia. 

Máis en CULTURA
Comentarios