Uxía e Rodrigo Romaní encabezan a delegación galega ao Interceltique de An Oriant

A delegación a un dos festivais celtas máis importantes do mundo estará conformada por arredor de 130 músicos e bailadores. Durante o festival anunciarase o país celta ao que se lle adicará a edición de 2019 e Galiza está entre as grandes candidatas.

an oriant celtismo

Festival Interceltique de An Oriant é das citas de música e cultura celta máis importantes do mundo e que reúne todos os anos miles de persoas procedentes de diferentes paertes do planeta. Esta edición decorrerá desde o 3 ao 12 de agosto e traerá até esta cidade bretoa máis de 4.500 artistas para participar nos máis de 120 espectáculos que teñen lugar nos distintos espazos do festival, chegando a rexistrar máis de 120.000 espectadores de pago e 750.000 visitantes

O festival naceu hai 48 anos co desexo dos seus fundadores de contribuír ao desenvolvemento da música e a cultura bretona e tamén aberto para as denominadas ‘nacións celtas’: Escocia, Gales, Cornualles, Illa de Man, Irlanda, Galiza e Asturies. Moito variou e evolucionou o festival desde entón.

Nesta edición adicada ao País de  Gales, a presenza galega vai estar en todos os escenarios do festival. O gaiteiro moañés Anxo Lorenzo, tocará no "Quai de la Bretagne" o martes 7 de agosto e ao día seguinte participará na gran noite adicada á gaita  Tamén chegará ao Interceltique Uxía. Rodeada dunha banda de destacados músicos galegos, presentará no "Theâtre de Lorient" as pezas do seu último traballo.

 Rodrigo Romaní impatirá a master-class de harpa o sábado 11 no Palais de Congrès, a previa ao concerto que realizará pola noite nese mesmo espazo. Servirá para presentar "Fíos de ouro no ar" acompañado da tamén harpista Beatriz Martínez e a percusionista Xulia Feixóo.

Trofeo MacCrimmon de gaita peninsular contará coa presenza de catro representantes galegos que chegan logo dunha selección feita en abril no concello de Teo. Serán Xesús Rodríguez, Manuel Seoane, Diego Prieto e Raquel Vilas. A Banda de Gaitas Sons da Chaira, de Rábade, chegará por primeira vez a An Oriant. É unha banda de recente creación pero cunha enorme proxección grazas ao traballo dos seus recoñecidos mestres: Brais Monxardín e Miguel Anxo López, "Chino". O grupo de baile chega dende a Mariña luguesa, trátase de Saiñas, unha formación de Xove que tamén debutará nesta 48º edición do festival. Seimeira tocarán dentro da programación das músicas sacras, haberá master-class de baile tradicional...

Esta edición de 2018 estádedicada ao País de Gales. Durante o festival anunciarase a quen se dedicará en 2019 e Galiza é una das candidatas.

Máis en CULTURA
Comentarios