Vari Caramés: "Ao azar hai que facerlle cóxegas e convidalo a cear de cando en vez"

O ciclo Grandes miradas dende as fragas do Eume chega ao seu ecuador no mosteiro de Caaveiro cunha clase maxistral de Vari Caramés

photo_camera Caramés no transcurso da súa intervención

Vari Caramés protagonizou no mosteiro de Caaveiro (A Capela) a segunda das catro sesións do ciclo Grandes miradas dende as fragas do Eume, unha serie de clases maxistrais organizada pola Deputación da Coruña e coordinada polo tamén fotógrafo Gabriel Tizón. O programa que abriu a pasada fin de semana o bilbaíno Ricky Dávila acada así o seu ecuador, a falta de que o completen os días 14 e 21 de xullo respectivamente as visitas de Cristina García Rodero, primeira española en entrar na prestixiosa axencia Magnum, e Alberto García-Alix, creador inclasificábel e merecedor este ano do Premio PhotoEspaña.

Caramés (Ferrol, 1953), que pecha estes días na sala Rekalde de Bilbo (País Vasco) unha ampla retrospectiva do seu traballo, 150 fotografías agrupadas baixo o evocador título de Ritmo mareiro, comezou a súa masterclass recordando como empezou a tirar as primeiras fotografías aos 14 anos cunha cámara que lle regalara seu pai. "Como era completamente manual, até que chegaba á tenda de revelado non me dicían que fotos estaban ben tiradas e cales non", lembrou. "Quedoume gravado na memoria ese momento, e dende entón, como nunca me dediquei profesionalmente á fotografía, dediqueime a facer gamberradas. A cámara é un xoguete, un motor de sensacións".

Converter defectos en efectos

Na Casa dos Cóengos, un dos edificios do complexo situado no corazón do parque natural, e nun día húmido e bretemoso, "perfecto para desrealizar, como dicía Torrente Ballester", o autor de series como Miraxes debullou o proceso "autodidacta" que o levou a dar con esa particular maneira de mirar que hoxe, trinta anos despois, calquera espectador identifica con Vari Caramés. "Empecei a converter os defectos en efectos e sen decatarme atopei un camiño. E aí sigo, desenvolvendo unha ollada sentimental e desleixada. Débolle máis aos meus defectos que ás miñas virtudes".

Fiando recordos e reflexións con axuda das preguntas dos participantes, nun ambiente cercano e baseado na súa propia experiencia persoal, o ferrolán comentou unha a unha as obsesións que se repiten na súa obra, como a auga, as fiestras ou os animais; as súas influencias, marcadas dende cativo polo cine, a pintura e a poesía; e as distintas etapas na construción da súa poética, como cando se emancipou do branco e negro "acuarelando" e "diluíndo" a cor. Todo iso mesturando as confidencias con proxeccións armadas a partir do seu traballo, como as series Recreo, Nadar ou Pegadas, e a súa música de jazz máis querida, con temas de John Coltrane ou Bill Frisell.

Para Caramés, os fotógrafos son "aprendices de magos", e parafraseando uns versos de Nicanor Parra, cre que "non son autores, senón pescadores de cousas que están no aire". "A realidade supón un reto constante para min, tanto na miña vida como no meu traballo", confesou. "O azar sempre é máis evocador que a certeza, pero ollo, ao azar hai que facerlle cóxegas e convidalo a cear de cando en vez. Se non nos sorprendemos nós ante o que temos diante, dificilmente poderemos sorprender un espectador cunha fotografía. Eu son moi rápido disparando pero moi lento seleccionando".

Comentarios