A nova saltou á palestra pública o 15 de xuño de 2020, cando a Galiza se atopaba no confinamento por mor da pandemia de Covid-19. Un pescador da Estrada, Fernando Brey, distinguira nunha zona de pouco caudal do río Sar á altura de Conxo, en Compostela, unha talla de pedra de granito galego chantada no leito do curso de auga.
A chamada Virxe do Leite de Santa María de Conxo permanecera baixo a auga do Sar entre tres e cinco décadas, apenas unha pequena etapa na vida dunha peza que data do século XIV, atribuída a un obradoiro ourensán de influencia burgalesa, que creou en Compostela obras como a Virxe de Santa María de Salomé ou o tímpano de San Fiz de Solovio.
Esculpida en catro das cinco caras, a talla de pouco máis dun metro de alto representa unha virxe entronizada aleitando ao neno Xesús. Non seus ombreiros, dous anxos descansan namentres suxeitan un botafumeiro.
Pouco máis dun ano e medio despois do seu achado -comunicado pola Asociación para a defensa do patrimonio galego á Xunta-, tempo no que lle foi efectuado un intenso proceso de restauración, desde este sábado a peza xa é accesíbel a todas as galegas e galegos ao ser incorporada de maneira definitiva á exposición permanente do Museo das Peregrinacións da capital galega.
Un “estado de conservación complicado”
A directora do centro museístico, Esperanza Gigirey, relatou o proceso de rehabilitación dunha peza que apareceu "nun estado de conservación complicado" e que inmediatamente foi mergullada nun tanque de auga desionizada para evitar a súa deterioración.
En paralelo, realizáronselle "diferentes estudos e analíticas para determinar o mellor proceso", detallou, o que permitiu unha abordaxe na que "só se dedicaban unha ou dúas horas diarias a limpar" a primeira capa de algas para preservar a peza, mentres a Virxe do Leite permanecía mergullada.
Unha vez descuberta a pedra, consolidáronse as fendas que presentaba, o último paso antes de dar iniciou ao seu progresivo secado.
Enterrada nunha presa
A directora Gigirey explicou que consideran que antes de integrarse no leito do Sar, a Virxe do Leite permaneceu nunha presa na que "supostamente debería estar incorporada" até que colapsou.
Así e todo, desde este sábado este patrimonio xa forma parte da segunda planta da exposición permanente do museo, onde se expón á beira doutra virxe restaurada, neste caso unha gótica do século XIV de madeira e obra dun taller castelá e leonés, co fin de que as persoas que visiten a mostra poidan comparalas.
“Unha gran riqueza emocional”
Na presentación da talla estiveron o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua.
O conselleiro destacou a “expectativa moi positiva” na cidade e no país, “mesmo saíu a nivel internacional en medios de recoñecido prestixio pola singularidade que tiña e por atopar unha estatua desta calidade e desta historia nun río”, indicou.
Destacando a “importancia que ten a cultura e o patrimonio", incidiu en que "a rehabilitación do patrimonio xera unha gran riqueza emocional”, ao xerar que “as persoas se identifiquen” con el, mais tamén “unha riqueza económica".