#Xuntosconseguirémolo e #Pódese: Celta e Depor afrontan unha nova batalla crucial na súa guerra pola permanencia

O equipo vigués recibe o domingo ao Rayo e o herculino o sábado ao Zaragoza, un rival directo pola permanencia. Mentres, o CD Lugo viaxa a Elx para facer fronte ao líder da Segunda División

Celta e Depor
photo_camera Celta e Depor

Celta e Deportivo son conscientes de que non teñen marxe para errar. E esta fin de semana é unha boa oportunidade para demostralo. Os coruñeses (pecha-cancelas, 23 puntos) reciben este sábado o Zaragoza (Riazor. 20:00 horas), que vai de 17 na táboa, con 27 puntos, un rival directo pola permanencia. Unha vitoria do Depor, aliás, tamén beneficiaría o Celta (24 puntos).

O equipo do norte de Galiza chega a este encontro coa moral que lle deu gañar o Mallorca (2-3).

#Xuntosconseguirémolo e #Pódese

A afección deportivista está disposta a levar o seu equipo en volandas até unha nova vitoria. Asumiron como propio a palabra de orde #Pódese e confían na permanencia.

Pola súa banda, a armada celtista ten unha cita o domingo en Balaídos (12:00) co Rayo Vallecano (noveno clasificado). Após empatar con todo un Barça, o Celta quere deixar claro ante o equipo madrileño que non está disposto a baixar os brazos e se render. #Xuntosconseguirémolo é o HT que as Tropas de Breogán levan con orgullo na loita por se manter en Primeira. A vindeira cita do Celta, após a do domingo co Rayo, é co Mallorca,

Pola súa banda, e se ben coa permanencia en Segunda aínda non amarrada de todo mais moito máis tranquilos que coruñeses e vigueses, está o CD Lugo. O Lugo viaxa até Elx para se enfrontar o líder de Segunda. Vai coa moral que dá o 4-0 que lle endosou ao Xerez, e consciente do que lle queda por diante. Após o partido co Elx ten citas co Alcorcón (segundo na táboa), Girona (quinto), Vilareal (cuarto), Barcelona B (noveno) e Almería (terceiro). Así pois, un final de tempada do máis complicado.

Comentarios