Entrevista

Álex Vázquez, director deportivo do Arenteiro: "A Primeira RFEF terá unha gran repercusión na vila"

O histórico ascenso do Club Deportivo Arenteiro á Primeira RFEF é unha desas fazañas coas que sorprende de cando en cando o deporte rei e que promete revolucionar a vida no Carballiño. Non pouco mérito ten Álex Vázquez (Ourense, 1994), director deportivo e arquitecto nas sombras do mellor Arenteiro da historia.
O ourensán xa traballa na planficación da temada 23/24.. (Foto: Arenteiro).
photo_camera O ourensán xa traballa na planficación da temada 23/24. (Foto: Arenteiro)

—En 2017 o Arenteiro ascende a unha Terceira División conformada por 18 grupos de 20 equipos. Xa en 2021 promocionan á flamante Segunda RFEF, que tiña cinco grupos de 18. Neste 2023 acaban de certificar o ascenso á Primeira RFEF, que ten dous grupos de 20. En que cimentos se sustenta este prodixio deportivo do Arenteiro?
Para que se dea un éxito como o que tivo lugar téñense que xuntar moitos factores. O primeiro, o traballo, porque sen el nada sería posíbel. Tamén estar rodeado de boas persoas, xente con ganas, ilusión e que sexa quen de pór o seu talento individual ao servizo dun colectivo.

—Con todo, a campaña non estivo exenta de obstáculos, como a traballada permanencia da tempada pasada ou, aínda que finalmente o equipo a superara, a marcha dun piar do proxecto como era Fran Justo, que asinou polo Lugo a finais de novembro. Como afrontaron o prematuro adeus dun técnico que levaba catro anos á fronte do club?
Foron uns días moi complexos, porque tivemos que facer unha transición da noite para a mañá, sen tempo para planificar absolutamente nada, nin dixerir o que supuña esa marcha. Fran é historia deste club, é unha desas persoas que é quen de deixar a súa vida por todo. Cando el marcha déixanos líderes, conseguindo un título como é a Copa Federación, eliminando un Primeira División na Copa do Rei... 

Por iso, sería normal que o adeus dun piar tan fundamental puidese afectarnos, pero tratamos de que o impacto fose o menor posíbel buscando unha persoa coa capacidade de dar unha liña continuísta ao traballo que se viña facendo, e ese foi un dos momentos chaves da tempada. 

Mención tamén para o grupo de futbolistas, que foi capaz de poñerlle as cousa fáciles ao novo corpo técnico e de entender que Fran xa non ía estar máis, así como para Javi [Rey], por adaptarse en tempo récord e imprimir o seu toque pouco a pouco no grupo. Foi un exitazo, un acerto, que fai que valoremos aínda máis o que conseguimos.

—Por suposto, o seu bo facer non escapa a ollos dos seus competidores. Teme que equipos máis grandes fagan como o Club Deportivo Lugo con Fran Justo e rematen por desmantelar esta xeración de futbolistas?
Somos conscientes de que son xogadores que, polo bo facer e o nivel que tiveron, revalorizáronse no Arenteiro, e está claro que van provocar o interese de clubs. Hai futbolistas que xa renovaron e outros que está preto de facelo, sei que valoran o sitio no que están, pero hai ocasións en que chega un club cunha oferta importante e resulta imposíbel reter a alguén. Se iso se da, nós seguiremos cara adiante, tal e  como fixemos este ano.

Lembro que no mercado de verán perdemos tres futbolistas moi importantes como Víctor Eimil, Renan e Raúl Blanco, pero ao final o Arenteiro fixo outro equipo diferente e conseguiu saír adiante.  

—No estremo contrario, a súa presenza na Primeira RFEF permitirá que polo Carballiño pasen grandes clubs cunha importante masa social tanto da Galiza como de fóra que descendan de Segunda ou non consigan o ascenso esta campaña. Que implica tanto para o equipo como para a vila que cada 15 días cheguen a Espiñedo eses conxuntos?
Primeira RFEF é para gozala, nós e toda a xente que rodea o club. Estar nunha categoría na que te vas enfrontar con equipos tan grandes vai ter unha gran repercusión no club e na vila. Economicamente vai supor un empuxe importante, e tanto equipo como administracións e afección debemos dar un paso máis para estar á altura das circunstancias, que penso que así vai ser. 

Preocupan as esixencias da RFEF

O ascenso de categoría implica un aumento no nivel de esixencia que obrigará o Arenteiro a reforzar o equipo para lograr unha permanencia que, "evidentemente", será o obxectivo da próxima tempada. Non obstante, Álex Vázquez recoñece que no club están agora mesmo nunha situación de stand-by a causa das esixencias da Real Federación Española de Fútbol (RFEF).

"A día de hoxe temos moitísimas incógnitas sobre o que nos vai deparar a competición, o que nos leva a non poder elaborar un proxecto e un orzamento", explica o director deportivo da escuadra do Carballiño, quen sinala que están intentando "compilar toda a información sobre as esixencias a nivel de instalacións, salarios dos futbolistas, etc., para que cando todo estea claro desenvolver un orzamento e saber en que chanzo podemos competir".

Comentarios