Rugby

CRÓNICA | O CRAT da Coruña deixa escapar a vitoria ante o Silicius Rugby Maxadahonda

As coruñesas deixaron escapar nos últimos minutos a final da liga Iberdrola de rugby.

Ensaio de Iciar ante o Maxadahonda (Foto: CRAT da Coruña).
photo_camera Ensaio de Iciar ante o Maxadahonda (Foto: CRAT da Coruña).

Estivo moi perto a vitoria para as xogadoras do CRAT da Coruña na final da liga Iberdrola. Impúxose o Silicius Rugby Maxadahonda nos minutos finais cun resultado de 13 a 12 para as madrileñas, que actuaban como locais.

O partido comezaba con moita igualdade até o minuto 14, cando Maxadahonda poñíase por diante cun puntapé de castigo realizado por Cristina López. No minuto 20, as locais ampliaban distancias no marcador cun ensaio de María Marín e unha posterior conversión de Cristina.

O partido volvía igualarse no minuto 38, cando o CRAT conseguía un ensaio de castigo. No descanso o resultado do marcador era de 10 a 7.

Na segunda metade, ambos os dous equipos, por quendas, atacaban e comezaba a notarse o nerviosismo habitual nunha final polo título de liga.

Cando faltaban tan só catro minutos para o final, Iciar Pozo conseguía un ensaio importantísimo co que o CRAT conseguía adiantarse no marcador.

A alegría durou pouco e un minuto antes do final do partido chegou o maior pau posíbel, cun puntapé de castigo realizado de novo pola local Cristina López para dar o título a Maxadahonda.

Duro resultado para un CRAT da Coruña que mostrou un gran nivel de xogo, digno dunha final contra as que xa eran as campioas da liga Iberdrola.

Comentarios