Depor e Celta anuncian os convocados para #onosoderbi

Os treinadores xa anunciaron os vinte xogadores de cadansúa equipa. Resino asegura que estarán "metidos no partido" e Vázquez pensa que gañar sería "unha bomba de osíxeno" para a equipa.
Vestiario do Depor
photo_camera Vestiario do Depor

Abel Resino, treinador da primeira equipa do Celta, convocou a 20 xogadores para o derbi. Do Celta B subirá Levy Madinda e son baixa por lesión Álex López, Samuel, Hugo Mallo e Natxo Insa. Viaxarán á Coruña Sergio Álvarez, Roberto Lago, Borja Oubiña, Andrés Túñez, Jonathan Vila, Mario Bermejo, Iago Aspas, Danijel Pranjic, Gustavo Cabral, Javi Varas, Vadim Demidov, Carlos Bellvís, J.Y.Park, Fabián Orellana, Toni Rodríguez, Quique de Lucas, Michael Krohn-Dehli, Augusto Fernández, Jonny Castro e Levy Madinda.

Para o treinador do Celta este é "un partido moi importante, non só porque sexa o Depor, que é o teu rival histórico, senón porque fóra de casa tampouco demos un nivel importante e temos que dalo, porque para conseguir o obxectivo final necesitamos fóra de casa". Resino vai a agardar ver "que perfil de Dépor nos atopamos, se van a buscar o partido desde o primeiro momento ou se vai a ser máis conservador". En todo caso asegurou que os de Vigo "tentaremos estar o máis metidos para reaccionar no inicio de partido".

Vázquez asegurou que "é un partido importante mais non é a última esperanza"

Fernando Vázquez tamén anunciou os xogadores cos que contará para o partido de Riazor. A listaxe de convocados feita pública compóñena Aranzubia, Lux, Riki, Nelson, Camuñas, Salomão, Juan Domínguez, Alex, Ayoze, Insua, Manuel Pablo, Aythami, Silvio, Marchena, Assunção, Abel Aguilar, Bruno Gama, Valerón e Pizzi. As dúbidas de última hora foron as de Salomão, que treinou con normalidade, e Marchena que se retirou cunha lumbalxia.

Diante dos medios de comunicación, na conferencia de imprensa de Abegondo, Vázquez asegurou que "é un partido importante mais non é a última esperanza". Para o treinador deportivista "as marxes redúcense, as posibilidades son cada vez máis escasas e polo tanto son importantes os tres puntos". Gañar sería, segundo Vázquez, "unha bomba de osíxeno para a equipa, para a cidade, ... hai que gañar por riba de todo". Lembrou as declaracións de hai uns días nas que afirmaba que dos once partidos que quedan "hai que gañar sete".

Foto: Canal Deportivo.

Comentarios