Depor e Celta ollan para o abismo

As equipas galegas de fútbol masculino non tiveron unha boa fin de semana. O Depor perde na casa e o Celta consegue empatar na segunda parte. Derrota do Lugo, empate do Coruxo e vitoria para o Ourense.
Celta e Mallorca
photo_camera O Celta empatou co Mallorca


A equipa coruñesa continúa cos malos resultados e en posto de descenso. O Deportivo da Coruña perdeu en casa diante do Levante por 0-2 e nin o apoio d@s siareir@s foi quen de mover o resultado nos 90 minutos de partido. O encontro comezou mal para os de Riazor. Tiveron que realizar dous cambios nos primeiros minutos por motivos físicos, Marchena e Zé Castro abandonaron o terreo de xogo. No seu lugar Álex Bergantiños e Aythami entraron para frear aos de Juan Ignacio Martinez. Cando faltaban cinco minutos para o final da primeira parte marcou o Levante o seu primeiro gol, obra de Martins e os da Coruña adoecían por chegar aos vestiarios.

A segunda parte comezou ben para os galegos cun penalti e a expulsión de Pedro López. Riki fallou mais animou o xogo coa posibilidade dun empate. Cos cambios esgotados unha xogada do Levante rematou co porteiro deportivista expulsado e Bergantiños como suplente involuntario. A oito minutos do final a equipa visitante matou o partido cun gol de Barkero que deixa ao Depor aínda en postos de descenso.

Empate que sabe a pouco

O Celta non acaba de atopar o seu lugar no campo. Neste ocasión foi o Mallorca quen se aproveitou do pouco acerto dos de Balaídos para levarse un punto de Vigo. Comezou marcando o equipo de Caparrós que saíu ao campo a pola vitoria. Hemed aproveitou unha das varias ocasións que tivo para superar a Varas. Co resultado en contra o Celta adiantou máis aos seus homes cando finalizou a primeira parte.
No segundo tempo o guión foi o mesmo. Outra vez foi Park quen salvou aos de Balaídos dunha derrota ao rematar un centro raso de Iago Aspas. A partir dese momento os visitantes reaccionaron e a piques estiveron de darlle un susto á parroquia. O marcador non se moveu e deixou ao Celta no posto 17º da clasificación.

As equipas galegas da Segunda División B tiveron mellor sorte do que as de categorías superiores

Derrota do Lugo

O Anxo Carro que serviu noutras ocasións para vibrar coa vitoria do Lugo foi, desta vez, testimuña da súa derrota malia o bo xogo. O mal estado do terreo de xogo impediu aos de Quique Setién demostrar o seu potencial e o Girona aproveitou unha das poucas ocasións que tivo para adiantarse no marcador.
Na segunda parte o Lugo teimou en empatar e conseguiuno a través de Iago Díaz. A idea de remontar e gañar o partido rematou despois de que o Girona marcase o segundo tanto no minuto 76.  Con este resultado o Lugo sitúase no 16º posto da clasificación.

Vitoria do Ourense e empate do Coruxo

As equipas galegas da Segunda División B tiveron mellor sorte do que as de categorías superiores. O Ourense derrotou en casa ao CD Marino por 3 a 1. O Coruxo, polo seu lado, conseguiu un valioso empate en Getafe por 1-1. Despois destes resultados o Coruxo ocupa o 6º posto e o Ourense o 8º na clasificación.

Comentarios