Fecha o mercado de inverno máis gris

A crise económica no fútbol limitou até o extremo os movementos
Orbelín Pineda -dereita- foi o único reforzo dun Celta para o que Eduardo Coudet, o seu adestrador -esquerda-, demandou máis fichaxes. (Foto: RC Celta).
photo_camera Orbelín Pineda -dereita- foi o único reforzo dun Celta para o que Eduardo Coudet, o seu adestrador -esquerda-, demandou máis fichaxes. (Foto: RC Celta).

A Liga de Fútbol Profesional (LFO) é, falando en termos económicos, un barco á deriva desde a chegada de Tebas á súa presidencia en abril de 2013. Desde aquel entón, o dirixente multiplicou por 10 os seus emolumentos -de 348.000 euros anuais a 3,46 millóns por exercicio-, mentres que os clubs que conforman a competición non cesaron de apertarse o cinto até o punto de desembolsar unicamente 21,2 millóns entre todos neste mercado de inverno, o que fai do español o oitavo campionato europeo en gasto en fichaxes, por detrás do holandés, o portugués ou o turco.

Lonxe quedaron aqueles feches de mercado no que as afeccionadas e afeccionados dos distintos conxuntos permaneceron pegadas ao transistor até as 12 da noite agardando pola chegada dun crack de última hora. En Vigo aínda lembran con cariño a Berizzo ou Mido a principios da década dos 2000, o mesmo que fan na Coruña co internacional arxentino Fabricio Coloccini.  

Porén, o certo é que os erros foron máis comúns que os acertos neste mercado, e por cada estrela acabaron chegando varios nomes que pasaron á historia, pero polo seu baixo rendemento, casos de Renaldo ou 'Manteca' Martínez no Deportivo ou Welliton e Fedor Smolov no Celta.

A cuestión é que na actualidade nin sequera eses "vultos sospeitosos" contra os que clamaba entre calada e calada José María García chegaron a asinar por uns clubs economicamente enfermizos que loitan por subsistir no marco dun campionato como o español que pareceu perder o tren da historia e a carreira competitiva xa non cos torneos inglés ou o italiano, senón co francés, o alemán e mesmo outros "menores" como o portugués, o holandés ou o turco.

Por iso non resultou estraño que, para consternación dun Coudet desesperado por fichar, o Celta só realizaara unha incorporación, o mexicano Orbelín Pineda, que para máis inri chegou á cidade olívica coa carta de liberdade, é dicir, completamente gratis. No apartado de baixas, a escuadra celeste perdeu Miguel Baeza, cedido á Ponferradina de Segunda División, e o turco Okay Yokuçlu -un dos celtistas mellores pagados-, que reforza en calidade de cedido con opción de compra as filas do Xetafe madrileño. 

O Lugo foi o gran protagonista galego

O Club Deportivo Lugo foi o principal animador da derradeira xornada dun mercado de inverno no que a entidade albivermella confirmara previamente as baixas do defensa central Pedro López -desvinculado de mutuo acordo do equipo tras non disputar nin un só minuto na primeira volta- e de Gerard Valentín, xogador estrela do club, que puxo rumbo a Huesca a cambio de 400.000 euros.

A eles uniuse, para sorpresa colectiva, Hugo Rama. O mediapunta de Sigüeiro, a pesar de perder peso nos esquemas de Albés nas últimas xornadas,  continuaba a ser un xogador con cartel na categoría, como demostra o feito de que asinase polo Real Oviedo.

No capítulo de altas, concentrado no último día de mercado, a escuadra albivermella anunciou a chegada de Pablo Clavería e Idrissa Thiam. O primeiro é un mediocentro defensivo con ampla experiencia na categoría, mentres que o segundo será sobre o papel o relevo de Gerard Valentín, pois este internacional mauritano se desenvolve na posición de  extremo, desde onde destacou na recente Copa África.

Comentarios