O Depor agarda o Celta en primeira

Con igual enerxía soou o Miudiño e a Rianxeira mais ao Celta quédalle aínda unha semana para que a primeira división da liga se tinga por partida dobre do azul da bandeira galega. Un ano despois, o Deportivo regresa a primeira e a Coruña promete non durmir en toda a noite.

O marcador de Riazor rezaba “Sentimento de primeira” mentres o Miudiño, himno popular do campo coruñés, conxugaba o entusiasmo dos milleiros de seareir@s que alongarán a noite de triunfo herculino. Pouco importaron neste partido de desenlace as técnicas de xogo, os erros estratéxicos ou a falta de brillantez acusada nalgún momento, o Depor volve á división dos grandes equipos e unha afección entregada festexaba o fin do que sempre considerou un desterro inmerecido. A mesma lenda que o equipo da Coruña recolle na súa revista da súa páxina oficial. 

A heroicidade de Xisco por segunda xornada consecutiva púxoo á par de María Pita. O nome de ouro da noite na Coruña conseguiu co seu gol que o campo estoupase e a noite se convertese na gran festa do deportivismo. Xisco colle a forza dos deuses despois dunha tempada en que nada facía presaxiar que remataría sendo o rei do equipo de Oltra. A vitoria fronte ao Huesca por 2 a 1 débelle a mudanza de cor nun partido que os galegos souberon remontar diante do primeiro gol do equipo de fóra. O Depor faise co ascenso na casa e será tamén no propio campo onde o Celta teña a oportunidade de acadar os puntos que o leven á división de honra.

Que a afección do Celta teña que agardar unha semana máis para que a Rianxeira invada as rúas da cidade olívica non se notou no Nou Estadi. A Rianxeira soou aí coa forza d@s vencedor@s, co entusiasmo de quen ten a certeza de que só un maleficio pode rematar co seu soño. O empate do Valladolid en Alcorcón alonga máis unha semana a sentenza final e dálle a posibilidade de que na cidade toda resoe o entusiasmo de Balaídos. Para esa cita agárdase un Celta poderoso, coa resolución que lle ten que dar o triunfo diante do Nastic por 2 a 1. Contra o que aconteceu en Riazor, no Nou Estadi os celestes estiveron ávidos á hora de golear. Iniciaron o marcador co gol de Iago Aspas para seguir sumando co de Natxo Insa nun contador que o Nastic pecharía co gol de Juán Millán.

Certo é que os de Vigo botarán todos os amuletos a andar para que non se dea a peor das posibilidades e a única que impediría que Galiza tivese dous equipos en primeira división: perder diante do Córdoba na casa. O estadio de Balaídos prepárase xa para un pleno e máis dun en Tarragona prometeu ir de peregrinaxe á Mezquita se no estadio vigués pasa o único que pode pasar, que o ascenso do Celta sexa realidade na última xornada da liga.

Comentarios