O partido non remata co asubío do árbitro: a importancia do terceiro tempo

En deportes como o rugby ou o fútbol gaélico a xuntanza dos dous equipos tras disputar o partido é unha práctica ineludíbel que axuda a mellorar o compañeirismo, a respectar o rival e, en definitiva, a pasar un bo tempo socializando, comendo e bebendo.
As xogadoras do Turonia e o Fillas de Breogán despois dun partido na Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera As xogadoras do Turonia e o Fillas de Breogán despois dun partido na Coruña. (Foto: Nós Diario)

Unhas cervexas sobre a mesa, unhas augas fresquiñas para quen o prefira, algo de picar ou mesmo un prato contundente de lentellas, dependendo da hora. O espazo é máis reducido que o terreo de xogo e a táctica algo máis caótica, pero estamos igualmente ante un partido de rugby. Concretamente, no seu terceiro tempo.

Seguro que algunha vez escoitamos a típica frase que di que o fútbol é un deporte de cabaleiros xogado por bárbaros e o rugby é un deporte de bárbaros xogado por cabaleiros.

Hainos que se esforzan en manter uns códigos de conduta para seguir facendo do deporte o que realmente é: un xogo para pasalo ben

E, máis aló das típicas esaxeracións propias deste tipo de máximas, si que existe unha diferenza moi palpábel entre ambas as disciplinas. Os valores, que sempre saen a relucir ao falar do deporte, non sempre son positivos. Porén, hainos que se esforzan en manter uns códigos de conduta para seguir facendo do deporte o que realmente é: un xogo para pasalo ben. Isto tradúcese, no caso do rugby, nun público máis respectuoso, unha case inexistente belixerancia contra os árbitros e un respecto polo rival que rara vez se ve no seu irmán balompédico.

Transcorridos os 80 minutos regulamentarios, independentemente do resultado e de como decorrese o partido, xogadores ou xogadoras de un e outro equipo quedan nunha cafetaría próxima, ou calquera lugar habilitado para este propósito, para disputar o terceiro tempo. A idea, bebida e comida polo medio, é confraternizar, limar asperezas, comentar o partido ou simplemente botar un bo tempo falando con outras persoas. Tamén se practica nas categorías inferiores, cambiando as cervexas por auga ou bebidas isotónicas. Existen diferentes versións de como naceu esta tradición propia do rugby, mais o que é seguro é que forma parte do ADN deste deporte.

Antía López leva 13 anos xogando no Vigo Rugby, equipo do que é capitá. "Cando empecei a xogar non coñecía o terceiro tempo. Pareceume marabilloso porque é unha forma que tes de relacionarte de xeito amigábel co equipo contrario. Máis aló do deporte, serve para coñecer a outras persoas, arranxar posíbeis malentendidos… é un momento moi divertido", di. Debido ao tempo que leva xogando, e ao reducido número de equipos que hai na liga, Antía xa coñece case todas as xogadoras de rugby da Galiza: "Teño amigas en Lalín, na Coruña… se no verán hai un torneo de rugby praia e precisan xente avísante, e acabas xogando con xente doutros equipos", engade. Por moi feo que sexa o partido, e por poucas ganas que poidas ter de quedar a cruzar palabras co outro equipo, Antía incide na importancia de respectar o código: "Eu quedo sempre e, por norma xeral, todo o mundo fai o mesmo", di.

Do rugby ao fútbol gaélico

Outros deportes máis minoritarios, pero con similitudes, como o fútbol gaélico, tamén acolleron esta boa práctica. Xa non só é unha curiosidade, senón un dos seus principais atractivos á hora de sumar novos xogadores e xogadoras: "Dixéronme que era un deporte moi divertido e que ademais tiña un terceiro tempo de convivencia para socializar e coñecer xente", conta Iria Quiroga, que desde 2017 xoga no equipo coruñés Fillas de Breogán, pioneiro do fútbol gaélico na Galiza. Agora é ela quen trata de sumar novas xogadoras valéndose deste evento pos partido: "É unha das maneiras que temos de vender o deporte. E funciona", comenta entre risos.

Alén da parte gastronómica, ás veces organízanse xogos ou animacións para facer máis levadía a xornada. Segundo Iria, o fútbol gaélico e o seu terceiro tempo axuda sobre todo a persoas recentemente chegadas a unha cidade nova que aínda non teñen amizades. Salvo causa maior, o terceiro tempo é ineludíbel: "Ao igual que tes que estar unha hora antes do partido para vestirte e quecer, sabes que despois toca outra hora, como mínimo". Lonxe de parecer unha obriga ou unha imposición, todas as xogadoras acoden de boa gana. Outra particularidade, tanto no Fillas de Breogán como no Vigo Rugby, é que estas xuntanzas adoitan ser mixtas cando coinciden partidos dos equipos masculinos e femininos.

Noé Asensio xogou tanto a rugby como a fútbol gaélico. Tamén ao fútbol. Cando xoga a este último, bota de menos o terceiro tempo: "Non é o mesmo o terceiro tempo que ir tomar algo. O primeiro implica socializar, falar co outro equipo, rebaixar pulsacións… Para min é, polo menos, tan importante como o partido en si", explica. Actualmente milita nas filas do equipo de fútbol gaélico Turonia, de Gondomar, e no pasado xogou a rugby no equipo da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona, en Catalunya.

Dixéronlle daquela, e concorda, que moita xente que chega atraída polo terceiro tempo queda polo deporte, polo que a todas as vantaxes xa amentadas podemos engadir que axuda á captación de novos xogadores a deportes minoritarios. Tamén afecta tanto na boa saúde do equipo como no respecto polo rival, ambas cuestións vitais na práctica do deporte e, especialmente, no deporte non profesional, o que se practica polo simple feito de pasalo ben.

Comer, beber... e se xorde a ocasión, ir de festa

Non hai normas escritas sobre como organizar o terceiro tempo correctamente, e cada equipo xestiónao como considera oportuno. Fillas de Breogán, por exemplo, ten un patrocinio coa cafetaría La Cantina, próxima ao campo onde xogan, para celebrar alí os terceiros tempos cando actúan de locais. O bar paga a comida, que poden ser pinchos ou algo máis contundente, segundo que hora sexa, e as xogadoras abonan cadansúa consumición.

O Vigo Rugby sénior feminino actualmente non conta con ningún patrocinio, malia que no pasado si o tivo con marcas de auga ou pizzarías. O que fan as xogadoras é montar unha mesa nas instalacións do CUVI —fóra se fai bo, no pavillón se chove— e ofrecer comida preparada (ou mercada) por elas mesmas.

O Turonia conta con varios locais patrocinadores, aínda que adoitan acudir ao Hotel Cafetería Cristaleiro de Gondomar. A comida corre a conta do local e as bebidas do peto de cada xogador e xogadora. Todas coinciden en que a duración dun terceiro tempo é moi flexíbel: pode ir desde unha hora até practicamente un día enteiro. Mesmo podes acabar de festa cos teus compañeiros e contrincantes. Aí xa depende da enerxía de cada quen.

Comentarios