Previa da xornada ligueira: "Tres puntos, o desexo do fútbol galego no adeus a 2021"

Rácing de Ferrol, Celta B, Dépor e Lugo queren facer os deberes antes da parada de Nadal
A escuadra branquiazul disputará o seu segundo compromiso de pre tempada hoxe ás 18.30 na Magdalena contra o Rácing Vilalbés.
photo_camera O conxunto branquiazul deu a cara ante un Primeira como Osasuna na Copa, pero podería pagar o esforzo mañá ante a Cultural Leonesa. (Foto: RC Deportivo).

Aínda falta unha semana para que o Apalpador visite os fogares galegos, e dúas para que diga adeus o ano 2021 e entre o 2022, pero no fútbol os equipos da Galiza baixan o pano competitivo xa esta fin de semana coa intención de despedirse do mellor modo posíbel, que non é senón sumando os tres puntos.

O primeiro en entrar en acción será o Rácing de Santander, que recibe na Malata (esta sábado 18 de decembro ás19 horas) un Calahorra que está inmerso no seu mellor momento de xogo e resultados dos últimos anos. Totalmente recuperado do seu frouxo comezo de tempada, o rival dos Diaños Verdes sumou 15 puntos dos últimos 21 posíbeis, e de lograr o triunfo na Cidade Departamental daría o sorpasso na clasificación a un Rácing do que só está separado por dous puntos.

Porén, os de Cristobal Parralo, que sufriron esta semana a ameaza da Covid-19 en forma de dous positivos nas súas filas, tratarán de emular as boas sensación da semana pasada ante o Real Unión de Irún (0-3 favorábel aos galegos) e así tratar de recibir o aninovo instalados nuns postos de play-off que teñen a tiro de pedra, pois están separados dos mesmos por un único punto.

Vitoria ou empate 'case' garantidos para o Celta B

Quen tamén aspira ao mesmo obxectivo, pois está empatado a puntos co Rácing de Ferrol, é o Celta B. O filial celeste fecha o exercicio 2021 cun choque teoricamente doado na casa do Tudelano, fechacancelas da categoría (domingo, 12 horas), e calquera cousa que non sexa volver polo menos cun punto de Navarra sería unha gran decepción, pois os de Tudela aínda non saben o que é a vitoria non 16 partidos que van disputados de campionato, dos cales unicamente foron quen de asinar as táboas en cinco.

Pola súa banda, o primeiro equipo olívico, logo de lograr a clasificación para os dezaseisavos copeiros tras superar o Andorra pola mínima, xa coñece o seu rival na terceira rolda do torneo do KO: Atlético Baleares.  

Os das illas veñen de protagonizar a maior sorpresa da competición até o momento, logo de eliminar o Xetafe de Primeira División por un contundente 5-0, polo que mal farían os celestes en menosprezar un conxunto que marcha como terceiro clasificado do grupo segundo da Primeira RFEF e que xa deu sobradas mostras da súa fortaleza no Estadio Balear, onde se disputará a partido único a eliminatoria copeira na véspera do Día de Reis, o 5 de xaneiro de 2022.

Cultural, un histórico para o fin de festa branquiazul

Non estivo no bombo copeiro o Real Club Deportivo, quen sucumbiu ante Osasuna a pesar do gran partido asinado por uns xogadores branquiazuis que buscarán eliminar o sabor da derrota das súas bocas a costa da Cultural Leonesa (domingo, 19 horas). 

A pesar da diferencia na táboa entre unha e outra escuadra -os galegos son os sólidos líderes do grupo e a Cultu ocupa a décimo terceira posición-, o cansazo acumulado logo do titánico esforzo na Copa e o feito de xogar lonxe de Riazor, onde as prestacións deportivistas non están alcanzando o mesmo nivel de excelencia que adoitan exhibir como locais, poderían xogar na súa contra.

O peor rival posíbel para o Club Deportivo Lugo

As cifras falan por si soas: o Almería, rival do Lugo esta segunda feira (21 horas), leva 14 vitorias, tres empates e tan só tres derrotas en 17 partidos disputados. Non obstante, a esperanza albivermella radica en que eses tres tropezos tiveron lugar lonxe do Estadio Xogos do Mediterráneo, polo que o Ángel Carro, a pesar do incómodo do horario, debe tornar no xogador número 12 dos lucenses se os de Rubén Albés queren ter algunha opción de triunfo.

Comentarios