O TAD anula as eleccións á presidencia da RFEF

O candidato único á presidencia da RFEF podería non chegar nunca a tomar posesión do cargo. (Foto: Europa Press).
photo_camera Pedro Rocha foi inhabilitado mais non cesado de forma efectiva. (Foto: Europa Press)

O Tribunal Administrativo do Deporte (TAD) anulou a convocatoria de eleccións á presidencia da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), previstas para o 7 de outubro pola Comisión Xestora, tras estimar o recurso interposto polo presidente de CENAFE, Miguel Ángel Galán, informa o portal xurídico Iusport.

O TAD estimou que para a convocatoria dos comicios era necesaria a declaración formal do cesamento do anterior presidente, Pedro Rocha, que non era automático tras a sanción de inhabilitación e que o órgano competente da RFEF, a Asemblea Xeral, debía declaralo.

Cesamento efectivo

Este foi o motivo da impugnación, polo que o TAD non necesitou entrar a valorar se o mandato estaba ou non concluído ou se faltan menos de seis meses para a finalización do mesmo.

Segundo Iusport o TAD considera que non resulta acertada a interpretación que fai a RFEF ao considerar que a súa resolución acordando a inhabilitación de Rocha produce automaticamente o cesamento.

En consecuencia, engade o TAD, non é posíbel aplicar o artigo 31.8 dos Estatutos da RFEF sen que previamente se declare o cesamento do seu presidente, e que non é posíbel equiparar os conceptos de inhabilitación e cesamento.

Para o tribunal, a falta de resolución ou acordo da Asemblea Xeral impide apreciar que se producise o cesamento e iso imposibilita a aplicación do artigo 31.8 dos Estatutos da RFEF ao faltar o primeiro requisito para a súa aplicación, ese cesamento que non foi efectivo.

Novas eleccións

Para Iusport a nova convocatoria de eleccións estaría abocada ao fracaso, xa que a vicepresidenta da RFEF, María Ángeles García Chaves, presidenta interina, tivo que convocar eleccións á Asemblea, Comisión Delegada e presidencia para o mandato 2024-28, e non só a presidente porque quedan menos de seis meses para a conclusión do mandato do período 2020-24.

A RFEF tería que disolver a Comisión Xestora, restituír nas súas funcións a Xunta Directiva e convocar eleccións para o próximo ciclo 2024-28 por medio da súa presidenta interina, María Ángeles García Chaves.

Comentarios