As sete vidas de Hugo Mallo, o último romántico

O lateral dereito, que non coñece máis club que o Celta, segue facendo historia
Hugo Mallo tornou en 2020 no celeste con máis partidos en Primeira. Agora xa é tamén o que máis gañou na máxima categoría. (Foto: RC Celta).
photo_camera Hugo Mallo tornou en 2020 no celeste con máis partidos en Primeira. Agora xa é tamén o que máis gañou na máxima categoría. (Foto: RC Celta).

O Athletic de Bilbao creou en 2015 uns galardóns coñecidos como 'One Man Club Awards', que premian "futbolistas con traxectorias nun único equipo que representan os valores que o Athletic considera unidos á súa entidade". Até o de agora, os premiados foron auténticas lendas como Matt Le Tissier, Paolo Maldini, Sepp Maier, Carles Puyol, Billy McNeill e Ryan Giggs. Co paso do tempo, e se o conxunto vasco decide continuar con estes recoñecementos, un dos gañadores debería ser  Hugo Mallo Novegil.

Porque se alguén representa á perfección ese concepto de home que exerce a totalidade da súa carreira nun mesmo club en comuñón coa viva representación da idiosincrasia dun equipo -neste caso o actual Celta que medrou desde a obrigada aposta pola canteira ante o seu afundimento no pozo da segunda e as carestías económicas que padeceu a mediados da primeira década deste século-, ese é o lateral dereito marinense.

Con apenas 30 anos acumula 13 campañas no primeiro equipo, as tres primeiras en Segunda División e o resto na máxima categoría. O seu debut tivo lugar na tempada 2009/10 da man de Eusébio Sacristán, técnico que tamén apostou por outros canteiráns que rematarían por ser importantes en Vigo como o porteiro Yoel ou Álex López

Por aquel entón era aínda un xuvenil, e nunha escena que dá unha idea da evolución que tivo o fútbol en pouco máis dunha década -e que contrasta sobremaneira cos problemas que padeceu este verán a escuadra olívica cos seus canteiráns e que xeraron un enorme conflito entre directiva e a axencia Intermedia Sport Player a causa da marcha ao Madrid dun rapaz de 12 anos-, cando recibiu a chamada do Celta para asinar o seu primeiro contrato profesional afirmou: "Non teño axente que me represente, así que poñan vostedes as cifras, o único que me interesa é xogar en Segunda División".

Esta fin de semana, case 13 anos despois do seu debut  ante o Numancia, aquel rapaz que non tiña representante e que pasou directamente de xogar cos xuvenís a facelo cos maiores tornou no futbolista con máis vitorias como celeste na máxima categoría (95), superando Aleksandr Mostovoi.

Un 'recordman' superando obstáculos: os altos e baixos dunha carreira de tres décadas

Hugo Mallo non só é o home con máis triunfos co Celta en Primeira División, senón que tamén é o que máis partidos disputou coa elástica celeste na máxima categoría

Non obstante, o seu non foi un camiño de rosas, pois na súa estrea na elite, na campaña 2012/13, sufriu unha gravísima lesión de xeonllo no Bernabéu nunha disputa por unha pelota con Cristiano Ronaldo. Con apenas 21 anos, e durante a súa convalecencia, protagonizou un incidente con afeccionados deportivistas nas bancadas de Riazor, onde se atopaba en calidade de seareiro para ver o derbi galego.

Despois de tocar fondo, apertou os puños e volveu aínda máis forte até tornar nun indiscutíbel para todos e cada un dos adestradores que tería ao longo da década seguinte, coa única excepción de Óscar García no pasado ano 2020, con quen protagonizou un amargo choque que o apartou non só da titularidade, senón mesmo da capitanía. Unha vez fóra o catalán, e a pesar da competencia dunha nova fornada de canteiráns representada por Kevin, Hugo continúa sendo vital.

Comentarios