A xornada futbolística pon a proba os estados de forma de Lugo, Dépor, Rácing e Celta B

A Segunda División encara a penúltima xornada antes da parada do Nadal cun duro reto para o Lugo, pois o Tenerife é un dos mellores equipos da categoría. Na Primeira RFEF, pola súa banda, o Rácing afronta un desafío non menor ante o Irún, mentres que Dépor e Celta B reciben a visita de dous rivais da zona baixa: Valladolid Promesas e Talavera.
Recuperar o olfacto goleador e a contundencia na área rival será fundamental se os lucenses aspiran a sumar de tres en tres. (Foto: CD Tenerife).
photo_camera Recuperar o olfacto goleador e a contundencia na área rival será fundamental se os lucenses aspiran a sumar de tres en tres. (Foto: CD Tenerife).

A afección do Club Deportivo Lugo terá a sorte de poder gozar do seu equipo no Ángel Carro a partir das 21 horas de hoxe, nun choque no que os albivermellos reciben un dos mellores equipos da categoría de prata, o Tenerife, actualmente instalado na cuarta posición.

A intención dos homes dirixidos por Rubén Albés é deixar atrás unha recente xeira de resultados que permite unha dupla lectura. Por unha banda, a escuadra lucense leva catro partidos invicto, máis dun mes sen coñecer a derrota. Pero, pola contraria, e a causa especialmente da súa falta de acerto ante a portería rival, non foi quen de fechar os encontros con triunfo, e acumula xa tres datas consecutivas con resultado de empate . Con todo, o técnico galego agarda ser quen de superar tacticamente o conxunto adestrado por un vello coñecido da afección galega, o ex xogador de Deportivo e Rácing de Ferrol Luis Miguel Ramis. Confiado nas súas posibilidades, o vigués avanzou que o Lugo será "valente" ante o Tenerife, especialmente porque pensa que "o modelo" de xogo polo que opta Ramis pode "virlle ben" aos seus futbolistas.

Unha tripla ameaza para o liderado do Deportivo

Movendo o foco á terceira categoría do fútbol estatal, a Primeira RFEF, o Real Club Deportivo da Coruña tratará de reafirmar o seu liderado en Riazor mañá ás 17 horas ante un dos bloques da zona baixa da clasificación como é o filial do Valladolid, tamén coñecido como Valladolid Promesas.

Como no caso do Club Deportivo Lugo, os branquiazuis necesitan volver á senda da vitoria, pois tras os empates fronte Bilbao Athletic e Rácing de Ferrol tanto Unión Deportiva Logroñés, como Raio Maxadahonda e Rácing de Santander ameazan a súa privilexiada posición.

A pesar de que as baixas condicionarán o equipo -especialmente as de Víctor e Lapeña na liña defensiva-, o preparador deportivista, Borja Jiménez, mostrouse confiado na rolda de prensa previa ao encontro: "As baixas non nos supoñen ningún problema, porque temos xogadores máis que capacitados para ocupar o seu lugar".

Ademais, e con respecto ao seu rival -que pese a figurar de quinto pola cola na táboa protagonizou un sorprendente triunfo ante o Rácing de Santander, segundo clasificado, a pasada xornada-, Jiménez recoñeceu o seu "bo momento" e a súa "potencia ofensiva", mais apelou á "solidez" do bloque que dirixe.

O Rácing, a Irún cun ollo posto no 'play-off'

Desde A Coruña tamén terán un ollo posto no que aconteza no Real Unión de Irún-Rácing de Ferrol previsto para as 17 horas de hoxe, pois os vascos -que actualmente fechan os postos de play off- están a tan só cinco puntos dos coruñeses, e unha vitoria podería achegalos perigosamente na clasificación en caso de que o Dépor volva pinchar. No suposto contrario, se os Diaños Verdes gañan quedarían a tan só un punto do histórico Real Unión, afrontando a derradeira data pre Nadal coa expectativa de fechar o ano en postos de promoción.

Talavera, un rival en forma para o Celta B

Curiosamente, a última vez que perdeu o rival do Celta B nesta xornada foi contra o Rácing, a mediados do mes pasado. Desde entón, o Talavera suma tres partidos sen coñecer a derrota e quere continuar a súa progresión a costa dun filial celeste que o recibe mañá ás 12 co obxectivo de gañar de novo catro xornadas despois.

Comentarios