“Brutal recorte” do 57% nas políticas activas de emprego na Galiza

CCOO insta a Xunta a convocar unha mesa de negociación e a que lle reclame ao Estado outra repartición dos fondos
Consulta nunha oficina de emprego
photo_camera Consulta nunha oficina de emprego

CCOO vén de denunciar o «brutal recorte» dun 57% que se está a producir nas políticas activas de emprego na Galiza. O sindicato insta a Xunta a reaccionar e a exixir unha reordenación da repartición do orzamento.

Segundo os datos da Conferencia Sectorial, organismo que aproba a distribución de fondos ás comunidades autónomas e no que estas están representadas, a intención do Goberno central é diminuír o 56,92% o orzamento dedicado a estas políticas.

Vanse distribuír case 1.320 millóns de euros entre todas as comunidades autónomas (agás Euskadi), dos que se destinarán 966,5 a formación para o emprego (incluíndo as escolas obradoiro, casas de oficio, talleres de emprego e outros), 323,3 ao emprego e trinta millóns máis para a modernización dos servizos públicos de emprego.

No caso da Galiza, haberá algo máis de 106,5 millóns para as políticas activas de emprego, un 57% menos que en 2011. Isto, sen ter en conta os 200 orientadores/as profesionais e promotores/as de emprego.

Consecuencias

A redución, no caso de se consolidar, provocará a desaparición de miles de empregos de alta cualificación —formadores profesionais, especialistas homologados para impartir formación certificable, expertos, técnicos, persoal de apoio—, así como a perda de moitos centros de formación, aulas e instalacións homologadas, amais da desaparición dos orientadores/as e promotores/as de emprego que desenvolven o seu traballo no Servizo Galego de Colocación.

CC OO critica que estas medidas van na dirección contraria dos discursos oficiais dos distintos gobernos —estatal, Comisión Europea e outros—, aos que se lles"enche a boca" afirmando que o futuro se gaña "con máis e mellor formación» pero que, «á hora da verdade, non cumpren as promesas".

Comentarios