O 55% das pensións galegas están por baixo do salario mínimo (655 euros/mes)

Un terzo dos fogares galegos teñen como ingreso principal os procedentes das persoas de máis de 65 anos.

vellos
photo_camera vellos

Máis da metade das pensións galegas fican por baixo dos 655 euros que marca o salario mínimo interprofesional (SMI). Son, según un estudo de UGT-Galiza, 256.082, o que supón o 54,7% do total das rexistradas no noso país. No conxunto do Estado o peso deste tramo de pensións representa 39,3%, son máis de 15 puntos de diferenza comparado coa porcentaxe das galegas. A peor cobertura das contías das pensións en Galiza respecto ao conxunto do Estado tamén se reflicte se analizamos un dato como o do número de pensións de xubilación por baixo de 1.000 euros ao mes, incluíndo así o tramo anterior, acada o 73,1% en Galicia e no Estado o 60,6%.

Ademais, afirma o sindicato socialista en base aos datos do IGE, 303.666 fogares galegos teñen como sustentador principal a persoas de máis de 65 anos, o que supón un terzo do total. O desemprego, os baixos salarios e as pensións (baixas) marcan a realidade nunha parte importante das familias galegas.

De 2011 a 2015 as pensións menores de 1.000 euros só gañaron un 0,1%, mentres que as que superaban esa cifra perderon un 3,8% do seu poder adquisitivo. Unha situación, lembran no informe, á que hai que sumar medidas que repercutiron directamente sobre o peto dos pensionistas, como o copagamento sanitario, ou o incremento do desemprego, que converteu a moitos dos nosos pensionistas na única fonte de ingresos dos seus fogares.  UGT considera que as reformas sobre pensións que o Goberno do PP levou a cabo durante esta última lexislatura “debilitaron intencionadamente a nosa Seguridade Social. Como consecuencia das devanditas reformas, considérase que, a medio e longo prazo, de media, os pensionistas verán reducida a súa pensión entre un 15% e un 26%”.

Comentarios