O 95% dos 216 mil millóns de euros dos resgates a Grecia foron para bancos e acredores privados

Apenas 9,7 mil millóns do monto total foron dar ao orzamento grego, desvela un estudo publicado por dous investigadores alemáns da Escola europea de tecnoloxía e xestión de Berlín.

Rúas de Grecia. Foto: Felipe Carnotto
photo_camera Rúa de Grecia. Foto: Felipe Carnotto

Grecia recibiu 216 mil millóns de euros nos resgates destes seis anos. Grecia? Non, o país heleno apenas se beneficiou dun 5% dese xurro de diñeiro. 216 mil millóns de euros dos que só 9,5 mil millóns foron dar ao orzamento de Atenas. A cantidade restante foi para, dun ou outro xeito, aos petos dos bancos europeos.

Isto é o que afirman dous investigadores alemáns da Escola europea de Tecnoloxía e xestión de Berlín nun estudo que se vén de publicar no xornal económico 'Handelsblatt' e que é recollido polo portal luso 'Infogrecia'. Jan Hildebrand e Thomas Sigmund sosteñen que a prioridade dos resgates que se deseñaron pola Troika para Grecia foi salvar acredores privados e bancos, non axudar o pobo grego. Debullan para iso os diferentes resgates e amosan como case 87 mil millóns de euros dos resgates foron para pagar débedas antigas, mentres que máis de 52 mil millóns se destinaron a satisfacer xuros. Para recapitalizar a banca en Grecia investíronse 37,3 mil millóns de euros procedentes dos pacotes de resgate ao país heleno.

Cuestión de prioridades

Jörg Rocholl, responsábel da institución da que fan parte estes dous investigadores, afirma que “os pactos de axuda serviron en primeiro lugar para resgatar os bancos”. Cuestión de prioridades. Rocholl é, asemade, membro do consello científico que asesora o Ministerio de Finanzas alemán, dirixido por Schäuble.

Marcel Fratzscher, presidente do Instituto Alemán de Investigación Económica (DIW), afirma ao Handelsblatt que “Grecia estaría hoxe en mellor posición se houbese un alivio da débeda no inicio da crise en 2010, moitos estragos teriamos evitado tanto para a Grecia como para a Europa no seu conxunto”.

Comentarios