A débeda de Galiza segue a aumentar e xa representa o 13,3% do seu PIB

A débeda de Galiza aumentou por riba do 9% no terceiro trimestre deste ano e xa se sitúa por riba dos 7.620 millóns de euros

Os datos que vén de publicar o Banco de España sinalan que no terceiro trimestre de 2012 a débeda de Galiza se disparou nun 9% en relación ao mesmo período de 2011. Un aumento que supón que esta débeda supere xa os 7.622 millóns de euros e sexa o 13,3 por cento do PIB do noso país.

Nos últimos tres anos a débeda pública de Galiza multiplicouse por tres ao pasar de de 3.200 a 7.600 millóns de euros. Un dato que a oposición reprochou en máis dunha vez ao presidente da Xunta Núñez Feijóo, quen gosta de se poñer a etiqueta de líder da austeridade.

Cómpre lembrar que xa un informe do Banco de España correspondente a setembro deste ano sinalaba que a débeda da Galiza é a máis alta da serie histórica. Na ratio entre débeda e PIB nos diferentes territorios do estado, Galiza ten a sexta máis elevada, só superada por Catalunya, Valencia, Castela-A Mancha, Illes Balears e Nafarroa.

Xa entón, nese informe sinalábase que a débeda pública española subiu até representar xa o 75,9% do PIB. Supón tres puntos máis que no trimestre anterior. A débeda pública española é xa de máis de 804.000 millóns de euros, dos cales 617 mil millóns corresponden á administración central. Nun ano, a administración central foi responsábel de 8 dos 9,2 puntos en que aumentou a débeda a respecto do PIB neste período.

Comentarios