A ONU aposta polo crecemento, non polos recortes

Nacións Unidas, gobernantes e destacados economistas internacionais cren na actuación conxunta con crecemento para sair da crise mundial. Europa insistiu na austeridade e a defensa do Euro.
Ban-Ki-Moon, secretario xeral da ONU
photo_camera Ban-Ki-Moon, secretario xeral da ONU

"O vello modelo está roto. Necesitamos crear un novo para un crecemento dinámico. Un novo paradigma baseado en economías estables, traballo decente e oportunidades para todos", dixo o secretario xeral da ONU, Ban Ki-moon.

O debate tivo lugar durante unha reunión convocada para analizar o estado da economía e as finanzas mundiais e contou coa participación de varios xefes de Estado, ministros e personalidades e expertos de recoñecido prestixio na materia. "Xa é hora de recoñecer que os capitais humano e da natureza son tan importantes como o financeiro", opinou o titular da ONU ao recordar que o mundo necesita máis de 400 millóns de novos postos de traballo durante a próxima década.

Ban Ki-moon, secretario xeral da ONU: "Xa é hora de recoñecer que os capitais humano e da natureza son tan importantes como o financeiro"

Pouco despois, o Premio Nobel e presidente da Universidade de Columbia, Joseph Stiglitz, chamou ao traballo de todos, "non do G20 (Grupo dos 20), senón do G193 (o total de Estados membros da ONU) ". O experto sostivo que só unha acción colectiva pode restaurar a confianza, promover o crecemento e crear empregos para todos. Sobre a situación en Europa, Stiglitz rexeitou a aplicación de medidas de austeridade e asegurou que ningunha economía grande superou as crises con programas dese corte. "As reformas estruturais non sacarán a ese continente da recesión no breve prazo e poden agudizar os problemas", advertiu.

En sentido contrario, o presidente da Comisión Europea, José Manuel Durao Barroso, defendeu a política de austeridade impulsada por ese organismo a través do que denominou consolidación fiscal, reformas estruturais e investimentos específicos.

Pola súa parte, o presidente de Panamá, Ricardo Martinelli, avogou por unha maior integración rexional e destacou os resultados conseguidos pola rexión latinoamericana fronte ás dificultades existentes noutras partes do mundo. Afirmou que as economías de América Latina deben crecer en 2012 grazas a políticas baseadas no desenvolvemento interno e ao fortalecemento da demanda.

Comentarios