LABORAL

A reforma laboral é isto

Un empresario de Compostela despide a tres obreiros por reclamar o que a propia Inspección de Traballo lles recoñecía

Tres traballadores foron despedidos alegando o empresario supostas perdas. Tres prazas que xa foron cubertas por outras tantas persoas. Pasou estes días en Compostela, na empresa Moure Pan S.L que posúe o forno no polígono do Tambre e catro despachos na comarca. Estes despedimentos non son tres máis dos que a diario se producen en Galiza, denuncia a CIG, senón que son a plasmación real do que supón a reforma laboral aprobada polo goberno español e do novo escenario laboral que xera. “A empresa botou man da reforma laboral e, amparándose en supostas perdas, despediu a tres traballadores” que ao longo destes meses reclamaron os dereitos do persoal de Moure Pan S.L, unha reivindicación acreditada mesmo pola Inspección de Traballo que deu a razón a estes obreiros nas denuncias realizadas, apunta a central nacionalista.

 A empresa argumentou os despedimentos “por causas económicas” en base ao contemplado na reforma laboral. Mais o persoal denuncia que a realidade é ben distinta: “Sen vacacións, sen descansos semanais, con atrasos nos cobros da nóminas e con horarios que superan en moito as 80 horas extras anuais, xornada laboral legal vixente no sector, segundo a propia Inspección de Traballo”. Desde a CIG apúntase que as causas de despido aducidas pola empresa non están xustificadas porque teñen constancia de que non baixou a produción, nin diminuíron as vendas.

Ante este escenario, a central nacionalista anunciou a presentación de demandas reclamando a nulidade dos despedimentos, así como procederá a dar conta de novo á Inspección de Traballo informando do incumprimento das obrigas contraídas pola empresa. O tema, advirten, non quedará só aí, xa que “neste coma noutros casos nos que se utiliza a reforma laboral para rebaixar as condicións de traballo ou limpar cadros de persoal de traballadores e traballadoras con contratos indefinidos ou conflitivos a ollos da patronal, a resposta vai ser a denuncia e a mobilización social”.

De feito, neste caso, de non se corrixir de inmediato esta situación e seren readmitidas as tres persoas despedidas, iniciarase unha campaña de concentracións diante dos centros de traballo e de reparto de folletos explicativos para informar á clientela das prácticas desta empresa.