Nesa «elevadísima» cifra inclúense gastos de pólizas de seguro, indemnizacións, gastos sanitarios, o importe de posíbeis sancións ou recarga por falta de medidas de seguridade e hixiene, gastos en servizos xurídicos, perdas materiais ou substitucións de persoal.
Con todo, desde o sindicato aclaran que a esta cifra habería que engadir tamén «importantes» custos indirectos, como os salariais -tempo de traballo efectivamente pagado mais non traballado por mor do accidente-, o prezo do material danado -se for o caso-, custos de tempo da administración -investigación, informes e outras xestións-, perdas de produción para a empresa, outros custos non cubertos por seguros, a alteración do clima social na empresa e deterioración das relacións laborais e, finalmente, custos comerciais e de imaxe.
Así as cousas, desde CCOO denuncian que as políticas que se viñan aplicando, consensuadas cos axentes sociais, corren agora o risco de retrocederen a causa da «substancial política de recortes», que só na Galiza provocou unha mingua de sete millóns de euros para loitar contra os accidentes no traballo.