Abanca Grupo Banesco nace entre protestos

Persoal da entidade financeira e preferentistas apuparon a dirección de Abanca o día en que se culminou a absorción do Etcheverría. Vídeo no interior.

Esta segunda feira, 6 de outubro, naceu Abanca Grupo Banesco. Esta nova entidade xurdiu froito da absorción por parte de Abanca do Banco Etcheverría.

Así o acordaron as xuntas directivas de ambos os dous proxectos reunidas na cidade da Coruña. Após este proceso a entidade financeira resultante conta cun capital social superior aos 2 mil millóns de euros; 2,5 millóns de clientes e 709 oficinas --a maior parte en territorio galego. 

Abanca Grupo Banesco convértese na décima entidade do Estado español con máis activos

Con esta operación o grupo Banesco --do que eran propiedade as dúas marcas-- sitúa a súa entidade como a décima en activos no conxunto do Estado español (máis de 54.000 millóns de euros) e visa convertela, sinalaron @s directiv@s, no "banco de referencia do Noroeste español". 

A CIG concéntrase pola readmisión d@s empregad@s despedid@s

Ás portas da xuntanza representantes d@s traballador@s e preferentistas concentráronse ás portas do Pazo de Exposicións e Congresos (Palexco) da Coruña para exixir a readmisión d@s empregad@s despedid@s por Abanca. Segundo denuncia a CIG estanse a desenvolver despedimentos "todas as semanas" e "con total opacidade", sinalou en declaracións aos medios de comunicación o responsábel da CIG-Banca, Clodomiro Montero. 

A central sindical denunciou que se esán a producir despedimentos de persoal "todas as semanas" e "con total opacidade"

Nalgúns casos, como o de Luís Encina, por presentárense nas listas impulsadas pola central sindical nacionalista. Desde a CIG exixen a paralización dos despedimentos e a readmisión de "todos os compañeiros". 

Este sindicato denunciou hai unhas semanas o Código Ético elaborado pola dirección de Abanca e no que se fixaba a exixencia de comunicar á entidade "a participación directa en política, institucións públicas ou organizacións sociais ou sindicais alleas ao banco" por parte d@s traballador@s. Un feito que desde a central sindical nacionalista tildaron de "vulneración flagrante dos dereitos recollidos na Constitución española, na Carta de dereitos Europea e nos Convenios da OIT". 

Solucións para @s preferentistas

Pola súa banda, representantes das Plataformas de Afectad@s polas preferentes e subordinadas tamén se concentraron perante o Palexco para exixir "solucións" á dirección de Abanca. Denuncian que malia as "boas palabras" continúan "sen resolver o problema aos afectados", sinalou Verónica Pazos. Conflitos que Abanca Grupo Banesco mantén abertos non só con preferentistas senón tamén con afectad@s polas cláusulas chan e contratos de permuta financeira, tamén denomidados 'swaps' ou 'clips'. 

Pazos lembrou que a dirección de Abanca se comprometera a "solucionar o seu problema en 90 días". Porén, salientou, "pasaron 300 días e continúan sen resolver o problema". 

Comentarios