Alarcó, a xestora que salvaría Paradores

A entrada de Ángeles Alarcó como presidenta de Paradores de Turismo coincidiu coa renovación de todo o organigrama desta empresa pública. Varios meses despois ten os sindicatos en pé de guerra despois do anuncio dun ERE que implicaría peche de estabelecementos e despedimentos.

Desde a chegada de Alarcó a Paradores as súas declaracións variaron cos meses. A lucense tomou posesión do seu cargo no mes de febreiro e sempre negou calquera interese por privatizar a cadea hostaleira fundada en 1928. Despois de sinalar as dificultades económicas deixadas polo seu antecesor, o socialista Miguel Martínez Fernández, as súa primeiras declaracións seguían o guión do politicamente correcto. "Buscarei a máxima eficacia na xestión de todos e cada un dos recursos dispoñíbeis". Daquela xa se falaba dunha nova fórmula de xestión e a pantasma dunha palabra maldita para @s traballador@s: a privatización. 

En maio quixo afastar esta idea e declarou, nun acto público co ministro de de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria entre @s asistentes, que "esta empresa pública non vale nada". Tal frase viña a conto da filtración de que varios grupos empresariais, como Barceló e AC, tiñan interese pola cadea pública. Ao mes seguinte, sabedor@s dun plan de austeridade por parte da dirección de Paradores, os sindicatos pediron unha reunión coa súa presidenta. Ángeles Alarcó saíu do encontro cunha frase conciliadora: "a empresa o que procura son reducións de custos a través da flexibilidade e nunca reducións de plantilla nin salariais".

A renovación do organigrama de Paradores de Turismo "colocou" non postos de máis alta responsabilidade a persoas achegadas ao PP ou con relacións con altos cargos deste partido

A negociación converteuse nunha carreira de fondo en que @s traballador@s seguiron mantendo conversas. Os sindicatos desconvocaron a folga para o mes de agosto como "xesto de boa vontade" e con ánimo negociador mais chegaron a realizar algún peche. Tamén desconvocaran outra prevista para a ponte de defuntos e realizouse a do 12 de outubro. Tamén desconvocaron a prevista para o 2 e 3 de decembro mais a empresa pública non chegou a ningún acordo co cadro de persoal e, despois das eleccións en Catalunya, anunciou un ERE que deixaría na rúa a 644 empregad@s en todo o Estado español.

Este 10 de decembro pola mañá, despois do remate dunha folga que coincidiu coa ponte do 6 e 8 de decembro, os sindicatos mantiveron unha reunión coa Secretaria de Estado para o Turismo con resultado negativo. A seguinte reunión será a terza 11 de decembro, desta vez coa propia Ángeles Alarcó como interlocutora.

Un organigrama a medida do PP

A renovación do organigrama de Paradores de Turismo "colocou" nos postos de máis alta responsabilidade a persoas achegadas ao PP ou con relacións con altos cargos deste partido. A propia Ángeles Alarcó foi a muller de Rodrigo Rato e traballou na Comunidade de Madrid desde 2007 coa responsabilidade de ser a Directora Xeral de Turismo de Esperanza Aguirre ademais de traballar nunha coñecida multinacional de refrescos de Estados Unidos. Como Director Xeral nomeouse daquela a Juan José Zaballa, ex-Director Xeral da Fundación Empresa y Crecimiento con intereses América. Na parte inferior do organigrama atopamos a Rafael Lemes Khrabcha, ex-conselleiro do Cabildo de Gran Canaria de 2003 a 2007 e ex-presidente de NNGG de Gran Canaria, e a nova directora do gabinete de prensa, Águeda Areilza Carvajal, neta de José María de Areilza, un dos fundadores de Alianza Popular.

Comentarios