Almunia presiona para que en NGB haxa recortes no cadro de persoal con despedimentos de 20 días por ano

O comisario de Competencia da UE, Joaquín Almunia, recomenda ao FROB que manobre para que naqueles bancos en que ten participación, como Novagalicia Banco, se presione para recortar o cadro de persoal e pechar oficinas
Almunia
photo_camera Joaquín Almunia

Bruxelas está decidia a afondar e acelerar o que cualifican de redimensión das entidades financeiras nacionalizadas, aquelas que como Novagalicia Banco (NGB) teñen unha alta participación do FROB. Nesta liña, o comisario de Competencia da Unión Europea, Joaquín Almunia, está a presionar o Fondo de rescate e ordenación bancaria para que á súa vez manobre perante os consellos de administración destes bancos de cara a aplicar máis recortes no cadro de persoal. E piden que eses recortes se fagan coa aplicación "inmediata" da reforma laboral aprobada polo goberno de Rajoy.

Isto significa que se ofecerán indemnizacións de 20 días por ano traballado cun máximo de 12 mensualidades. A cantidade de traballadores e traballadoras afectadas en cada banco, así como o número de sucursais que cumpriría pechar, debe de ser presentada "con urxencia". Para alén de NGB, Bankia, CatalunyaCaixa, e Banco de Valencia, estarían neste saco de entidades afectadas pola medida.

Sen negociar

Para a Unión Europea, o recorte canto a oficinas e persoal semella unha condición imprescindíbel para as entidades financeiras axudadas polo FROB. Bruxelas quere que isto se faga con urxencia, o que apunta que non están moi dispostos a que haxa marxe de negociación sindical. Bruxelas pretende adelgazar estas entidades antes de abrir a billa para máis axudas ao sistema financeiro español. Por iso exixe unha serie de contraprestacións que, sinalan diversos medios, non se trataría só de medidas no sector bancario.

De feito, o propio presidente do Banco Central Europeo (BCE), xa advertiu que aqueles países que vaian recibir axudas europeas van ter que se someter a estritos controis, mesmo abrindo a porta á participación de Bruxelas na elaboración dos seus orzamentos xerais.

Comentarios