A taxa de temporalidade na Galiza sitúase a niveis de Polonia, o país da UE onde máis presenza porcentual de persoal eventual hai no mercado laboral: 26%. Un dato preocupante e que se estende polos diferentes sectores laborais. A temporalidade é moi similar por xénero, se ben é superior entre as mulleres (27,5%) que nos homes (25,6%) e é maior entre as persoas mozas e asalariadas con estudos básicos.
Porén, a fenda máis grande a respecto da media europea dáse na temporalidade entre persoas con estudos superiores. Mentres na UE a eventualidade nese grupo é de 11,7% na Galiza está en 24,5%, o que supón duplicala. No Estado español é de 22,3%, dous puntos menos que no noso país.
A fenda máis grande a respecto da media europea dáse nas persoas asalariadas con estudos superiores. Mentres na UE a eventualidade nese grupo é de 11,7% na Galiza está en 24,5%, o que supón duplicala
No resto de niveis de estudios a taxa de temporalidade galega continúa por riba da europea mais cunha distancia menos. Así, nas persoas que cursaron até secundaria obrigatoria a eventualidade está en 28,9% por 22,2% da media europea.
Mocidade
É no colectivo de traballadores e traballadoras que teñen entre 16 e 24 anos de idade onde a temporalidade atinxe niveis case absolutos: 71,4%, case o duplo que a media europea, que é de 43%.
Entre 25 e 49 anos a taxa de temporalidade na Galiza é de 29,8%, 16 puntos por riba da media europea (13%). DE 50 anos en adiante son temporais no noso país 13 de cada 100 persoas asalariadas mentres que na UE nesa situación están apenas 7 de cada 100.
Desde o seu nivel máximo en 2006 e até 2013, coincidindo coa destrución de emprego, a taxa de temporalidade descendeu no Estado en 32%, Porén, co inicio da recuperación a temporalidade volveu a aumentar de novo e sitúase en 26,8% na media española, 26,6% na Galiza.