Suso Seixo, secretario xeral da CIG

“O discurso contra o sistema público de pensións agocha poderosos intereses económicos”

Este sábado (12 h, Alameda) Compostela acolle unha manifestación nacional convocada pola CIG na defensa do sistema público de pensións. O secretario xeral da CIG chama a se mobilizar pola recuperación dos dereitos perdidos nestes anos e pon sobre a mesa os motivos que xustifican convocar unha folga xeral. “Antes de dar ese paso tentariamos consensualo co resto de organizacións sindicais”.  

suso seixo CIG
photo_camera suso seixo CIG

- Desde a CIG sempre se insistiu en que detrás dos discursos e as mensaxes sobre a inviabilidade ou perigos do sistema público de pensións había moitas falsidades e intereses

- O de presentar o sistemas público de pensións como non viábel é algo no que levan xa desde a década dos 90. Aí están os informes dos denominados expertos e que normalmente é xente vinculada ao sector financeiro, polo que é evidente que hai intencionalidade política e interese económico detrás de todos eses documentos e esas mensaxes catastrofistas sobre o futuro do sistema público de pensións.

Desde o noso punto de vista o sistema público de pensións é o máis garantista de todos, máis que o privado, desde logo, depende da especulación que fan con eses recursos os mercados financeiros. O sistema público é perfectamente garantíbel, sempre que se fagan as políticas económicas e laborais adecuadas. Claro, hai que facer políticas que xeren realmente emprego e emprego de calidade. Na medida en que iso sexa así os ingresos están asegurados. Despois hai, a maiores, outra formulación que facemos nós: se os recursos que entran na seguridade social en determinados momentos non son suficientes para manter as pensións  haberá que actuar a través dos orzamentos, ao igual que se fai con outro tipo de cuestións. Dos orzamentos sácanse partidas para a casa real, o exército... pois con máis sentido para un dereito fundamental como é o das pensións.

“Se dos orzamentos do estado sacan partidas para a casa real ou o exército, con máis sentido para un dereito fundamental como son as pensións”

- No debate sobre as pensións entran en xogo moitas cuestións diferentes, desde o emprego e os salarios até a cuestión demográfica.

- Os informes dos expertos normalmente o que fan é coller só un dos factores dos que inflúen no tema das pensións, que é o avellentamento da poboación, e non se vai a outras cuestións que son chaves no financiamento como é o do emprego, as cotizacións... Nun mercado cada vez máis precarizado e onde por parte da propia administración se empregan os fondos da seguridade social para bonificar a contratación en empresas, vaise cara a un modelo laboral onde os ingresos da seguridade social son cada vez menos. Mais iso ten a ver co tipo de política laboral e o tipo de mercado laboral ao que nos encamiñan.

O propio sistema  ten unha contradición: por unha banda falan da necesidade de que a xente invista nos sistema privados de pensións mais por outra banda promoven un mercado precarizado, con salarios devaluados e que provoca que moita xente teña dificultades para chegar a fin de mes. Nun escenario así é moi difícil que a xente poda aforrar para meter nun sistema privado de pensións. Un sistema que, insisto, non é garantista de nada. De feito, por parte do que é a patronal financeira, que controla os sistemas privados de pensións, a perspectiva está de aproximarse o patrimonio aos 500 ou 600 mil millóns de euros e están escasamente por riba dos 110 mil millóns. Como ven que non dan, xa empezan a valorizar a posibilidade de tomar medidas que forcen a xente a iso.

“As pensións públicas supoñen moitos recursos económicos, de aí que a banca e grandes aseguradoras vexan aí un negocio importante”

- Como?

- Por exemplo a través da negociación colectiva, de pactar nos convenios colectivos sistemas privados de pensións e, polo tanto, desviar parte dos salarios dos traballadores a eses fondos privados que ven que, a pesar de todas as campañas para desprestixiar a pensión pública, non conseguen os obxectivos.

- Dicías antes que non é unha novidade que se queira socavar o sistema público de pensións e que unha vía é a da que estabamos a falar agora, do discurso, da mensaxe... Callará a idea de que a pensión non é un dereito, que é un privilexio?

- Iso faise con todo, mesmo co traballo. Parece que se ti exixes un posto de traballo estábel e de calidade estás a pedir un privilexio e non un dereito. Interésalles esa mensaxe de que a realidade laboral e económica é a que é e hai que mentalizarse que ese emprego cun salario e condicións dignas non ten futuro. Pois coas pensións tamén van por aí. As pensións supoñen uns recursos económicos moi, moi importantes, e iso é un negocio impresionante para a banca e as compañías de seguros. Por iso detrás de todas esas mensaxes contra a viabilidade do sistema público agóchase un interese económico claro: intentar que os fondos privados podan captar eses recursos e obter grandes beneficios, esa é a chave.

“O PP xa non ten a maioría absoluta. É o momento de dar a batalla para recuperar os dereitos que nos quitaron nestes anos”

- A mobilización destes sábado enmárcase nunha campaña que a CIG puxo en andamento sobre a recuperación de dereitos laborais e salariais. Por que agora?

Iniciamos a campaña para reivindicar a recuperación dos dereitos que perdemos nos últimos anos como consecuencia de cuestións como as reformas laborais, o desmantelamento da negociación colectiva, o que falabamos das pensións... Este tema, as pensións, é unha consecuencia máis que forma parte de todo un modelo económico e laboral que foi impoñéndose nos últimos anos, nomeadamente a través das políticas do PP mais tamén algunhas xa iniciadas polo PSOE. Foron políticas neoliberais, de desregulamento do mercado laboral, de recorte de dereitos. E iso é o que denunciamos. Nestes momentos o PP non ten maioría absoluta, que foi a ferramenta que empregou nestes anos para impoñer estas contrareformas. Por iso entendemos que é o momento para recuperar eses dereitos. Dada a actitude que amosa o PP, que mesmo ameazou con recorrer aqueles proxectos aprobados no Congreso pola oposición e que vaian camiño de recuperar parte deses dereitos, pois é evidente que ou recorremos á mobilización social ou corremos o perigo de que non se mova nada. É fundamental, pois, aproveitar a perda de maioría absoluta do PP e mobilizarse, non desbotando nada. E se o PP se mantén no boicot a calquera posibilidade de modificar a lexislación laboral temos que acrecentar a mobilización, mesmo chegando á folga xeral, entendemos que hai que ter iso en perspectiva. Isto vaise clarificar nos vindeiros meses, imos ter claro se desmontar os recortes do PP é factíbel ou non ou hai que recorrer a unha convocatoria de Folga Xeral. Antes de dar ese paso tentariamos consensualo co resto de organizacións sindicais

“Non desbotamos unha folga xeral. Mais antes de dar ese paso tentariamos consensualo co resto de organizacións sindicais”

- Que faría falla para avanzar nesa liña cara a unha Folga Xeral?

- Estamos a falar dunha lexislación de ámbito estatal, non está transferida, polo que todo o que ten a ver con reformas que se fixeron en materia de contratación, de despedimento, de xornada, de negociación colectiva... é de competencia estatal, polo que o normal é que se convocase nese ámbito. Polo tanto, hai que falar coas centrais sindicais máis representativas, tanto no ámbito do estado como das outras nacións do estado e dar unha resposta moi masiva. O normal, a estas alturas, é que todas as centrais sindicais de clase tivésemos iso en mente e estivésemos a nos preparar para esa realidade porque é evidente que o PP non vai recuar facilmente, o actual é o modelo laboral que defende ideoloxicamente o partido Popular, polo tanto non vai ser doado que recúe senón é a través da mobilización e contestación social.  

Comentarios