CIG, CCOO e UGT convocan protestas diante das asociacións empresariais en defensa da negociación colectiva

Alertan sobre os plans do goberno do Partido Popular para rematar "cunha ferramenta básica para a conquista de dereitos laborais por parte da clase traballadora".

 CIG, CCOO e UGT desenvolverán esta sexta 7 de setembro protestas conxuntas en defensa da negociación colectiva. As organizacións sindicais teñen convocadas concentracións diante das asociacións de empresarios baixo o lema "A negociación colectiva é un dereito". 

As centrais sinalan nun comunicado que "na actualidade, o proceso e renovación dos convenios colectivos está practicamente paralizado por razón dunha decisión política de determinadas asociacións empresariais de sector, que aproveitan o momento para levar ao límite a vixencia e ultractividade dos convenios, provocando a caída normativa dos mesmos ou unha posición de vantaxe na negociación que retroceda nos aspectos salariais e de dereitos".

"A aposta do Partido Popular por destruír este marco mediante a reforma laboral contribúe ao empobrecemento da poboación e a un deterioro máis acusado e acelerado da economía, provocando unha caída dos dereitos laborais, unha superlativa precariedade e un descenso do consumo que condena ao peche a miles de pequenas e medianas empresas coa conseguinte multiplicación do desemprego".

Horarios e lugares das mobilizacións:

 Vigo: Ás 11h. García Barbón, 104.

A Coruña: Ás 12h. Praza de Luís Seone, Torre 1.

Vilagarcía: 11.30 Arcebispo Lago, 17.

Ferrol: Ás 12h. Cantón de Molíns, 8-9.

Santiago: Ás 12h. Rúa do Vilar, 54.

Lugo: Ás 12h. Praza de Santo Domingo 6-8, 2º.

Ourense: Ás 11h. Praza das Damas.

Pontevedra: Manifestación ás 12h. dende a Praza da Ferrería.


Comentarios