CIG promoverá a convocatoria de folgas comarcais en Vigo e Ferrol polo naval

A central nacionalista cualificou de “fume” os anuncios feitos polo Goberno e a Xunta para o sector
O naval volveu ás rúas na defensa do emprego
photo_camera O naval volverá ás rúas na defensa do emprego

A CIG vén de anunciar que promoverá a convocatoria dunha folga comarcal en Vigo e Ferrol ante o grave risco de desaparición do naval galego. O secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, que compareceu en rolda de prensa xunto aos responsábeis do sector e do Metal, acusou a Xunta de utilizar electoralmente a problemática dunha industria estratéxica para o país, denunciou a pasividade dos Gobernos español e galego e cualificou de “fume” os últimos anuncios feitos polos responsábeis políticos.

 A CIG considera unha cuestión nacional a problemática que atravesa un dos principais sectores dinamizadores da economía galega e do que dependen milleiros de familias, nomeadamente nas comarcas de Vigo e Ferrol. Dende a central entenden que o paso do tempo xoga en contra da súa recuperación e alertan sobre a máis que probábel desaparición dos principais estaleiros se non se toman medidas urxentes.

Diante disto, o secretario xeral do sindicato nacionalista compareceu en rolda de prensa xunto aos responsábeis do Metal e do Naval, Xoán Xosé Bouzas Aboi e César Rodríguez, para trasladar á opinión pública galega a preocupación da CIG diante dos síntomas que avanzan un empeoramento da crise que padece o sector. Suso Seixo amosouse moi crítico coa “utilización electoralista” dunha problemática que provocou a perda de milleiros de postos de traballo nos últimos anos e relacionou os anuncios feitos polos Gobernos español e galego coa posibilidade de se adiantaren as eleccións á Xunta de Galiza. “Resulta curioso que cheguen agora, un ano despois, cunha proposta de tax lease, xusto cando se fala dun adianto electoral a setembro ou outubro”, censurou.

Interrogantes

Nesta liña, Seixo denunciou que “seguimos sen saber en que consiste esta proposta, xa que non foi debatida no Parlamento”. De igual xeito referiuse aos supostos contratos que o Executivo galego tería logrado coa petroleira Mexicana Pemex para construír barcos no noso país. “Ninguén sabe nada destes contratos que inventou Feijóo, porque a empresa o único que fixo foi anunciar que vai sacar a concurso público a construción de varios remolcadores”. Esta circunstancia fai que o máximo responsábel da CIG pregunte como é posíbel que o presidente da Xunta saiba xa que a Galiza se lle van adxudicar sete, “a menos que o concurso estea amañado”.

Con todo, incide en que non se trata de proxectos de grandes buques -o que permitiría iniciar a recuperación da carga de traballo nos estaleiros-, “senón que estamos a falar de contratos que permitirían empregar unhas 300 persoas nos estaleiros vigueses Cardama, Freire e Armón, non a 2.500 como está a dicir o presidente da Xunta”. Deste modo, cualificou de “fume” os anuncios e vaticinou que despois das eleccións pasarán a ser novas promesas incumpridas.

En canto á situación do naval ferrolán, alertou para o feito de que “como moito” conta con carga de traballo até 2013 e lembrou que as empresas auxiliares seguen a desaparecer. Con respecto, á construción do dique flotante, o responsábel do Metal da CIG comentou que o propio presidente da Sepi adiantou que aínda no caso de a comisión considerar a súa construción “nin o Goberno nin Navantia achegarían financiamento”.

Finalmente, apostaron por afondar na mobilización social como única maneira de salvar o sector e anunciaron que promoverán unha folga comarcal en Vigo e Ferrol, “a poder ser de xeito conxunto coas demais forzas sindicais, aínda que no caso de non se sumaren farémolo como CIG”.

Comentarios