O ano pasado, a compravenda de vivendas incrementouse na Galiza 2,5% con respecto ao exercicio 2018, cun total de 16.928 operacións rexistradas, un incremento que contrasta coa caída media no Estado español, de 3,3%, segundo reflicten os datos publicados no día de onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
O dato, que pode parecer positivo, xa que o aumento galego supón o cuarto maior no Estado español, logo de Castela-A Mancha (7,5%), Estremadura (5,7%) e A Rioxa (3,7%), maquilla en parte a realidade. A pesar do incremento, Galiza figura á cola de todos os territorios en canto a operacións por cada 100.000 habitantes, con 775. Esta cifra está moi afastada da media (1.345 operacións).
Por tipoloxías, a vivenda libre concentrou a maioría das operacións (16.173), mentres que o resto (755) corresponde a vivenda protexida. A maior parte destes inmobles corresponderon a vivenda usada (13.249) e o resto (3.679) a propiedades de nova construción. En canto ás vivendas transmitidas, en total foron 37.560, delas 16.928 por compravenda, 9.242 por herdanzas, 469 por doazóns, 69 por permutas e 10.852 operacións doutra clase.
Medran os predios
No tocante aos predios, a transmisión creceu 5,6% na Galiza en 2019, até as 98.122, máis do dobre do avance rexistrado no Estado español, de 2,7%.O total de predios repártense en rústicas (26.868) e urbanas, que se dividen en vivendas (37.560), solares (2.586) e outras fincas urbanas (31.108).
As operacións sobre predios rústicos correspóndense con 7.652 compravendas, 401 doazóns, 361 permutas, 11.531 herdanzas e outros (6.923). Nas urbanas foron 33.278 compravendas, 799 doazóns, 201 permutas, 15.635 herdanza e 21.341 de outras transmisións.