Un hotel de luxo de cinco estrelas, tres enclaves turísticos tamén de cinco estrelas, espazos de deporte e lecer... O proxecto que Sandra Ortega promove na península de Tróia, na zona de Setúbal, ao sur de Lisboa, a través dunha filial, está a xerar a mobilización de parte da veciñanza e colectivos ambientalistas, que alertan do impacto deste proxecto nun “entorno único”.
O proxecto chamou xa a atención dos medios portugueses, como os informativos da canle pública lusa, RTP, que falan da oposición que xera a iniciativa empresarial da “mulher mais rica da Espanha e filha de Amancio Ortega”, como definen Sandra Ortega.
O proxecto contempla un investimento de ao redor de 200 millóns de euros. Esta semana, colectivos ambientalistas presentaron unha providencia cautelar no Tribunal de Beja para paralizar a construción deste complexo de luxo que Ortega quere edificar en Grândola, o concello que deu nome á universal canción de Zeca Afonso, ligada para sempre á Revolución dos Cravos.
Os ecoloxistas apuntan a que na DIA recóllense impactos negativos deste proxecto, como o”impacto negativo moi significativo de magnitude elevada sobre o sistema ecolóxico” ou os riscos sobre a “dinámica costeira”.
Lembran que as dunas de Tróia son algo “único” e que de se realizar este proxecto acabaría “con dous quilómetros de praias salvaxes e un sistema dunar único”, segundo a plataforma ‘Dunas Livres’.
“As máquinas avançam rapidamente no terreno com remoção total da vegetação, terraplanagens e cortes de dunas, estando ainda em fase de obras de urbanização, aguardando por licença para obras de edificação”, indica a plataforma.
“É um projecto que claramente, e com a conivência das autoridades, beneficia interesses privados, dando cobertura a um nível de destruição sem precedentes: do património natural – biológico; dinâmica costeira – sistema dunar; entre outros. A cada dia que passa mais habitats dunares são destruídos”, denuncian.
A Península de Troia é unha restinga areosa con máis de 25 km de lonxitude e 0,5 a 1,5 km de anchura, no litoral da freguesia de Carvalhal, no municipio de Grândola, entre o océano Atlántico (ao oeste) e o estuario do río Sado (ao leste). A península formouse nos últimos 5000 anos do sur cara a norte, desde a Comporta até Tróia fronte á cidade de Setúbal. Atópase na subrexión da área Metropolitana de Lisboa.