Empresa impide volver ao traballo aos seus obreiros malia rematar o ERE suspensivo

A autoridade laboral admitiu un ERE suspensivo de Semar tras desbotar a petición dun extintivo por parte da empresa
Coche de traballador pintado polo empresario
photo_camera Coche de traballador pintado polo empresario

Os traballadores de Semar, unha empresa de carpintaría de aluminio de Ames (A Coruña), regresaron aos seus postos unha vez rematado o ERE suspensivo pedido en xaneiro por esta firma e que afectaba a 10 obreiros. Mais, informan desde a CIG, unha vez ás portas na nave fixo acto de presencia Inspección e o propio empresario para explicar, segundo sinala a central nacionalista "que non ten traballo para eles nin os quere dentro da nave".

Semar, que conta cun cadro de persoal de 22 operarios, intentou en decembro pasado aplicar un ERE extintivo por causas económicas, pretensión desbotada pola autoridade laboral. En xaneiro volveu presentar un novo ERE, desta volta suspensivo e que afectada a 10 traballadores, e que si que foi aprobado. Naquela altura, debíanselles aos operarios dúas mensualidades e máis a paga extra.

O propio empresario pintou o coche dun dos traballadores, delegado sindical da CIG, diante das cámaras do cuartel da Garda civil de Negreira.

Deriva de traballo

 O secretario comarcal da CIG metal afirma que nestes meses "a carga de traballo non diminuíu", alén de denunciar que coa implantación do ERE a empresa derivou parte da carga de traballo cara a autónomos e outra firma "que o empresario controla a través doutra persoa".

Para a CIG, a pretensión dos propietarios desta carpintaría de alumino é "descapitalizar a empresa" e procurar que o persoal presente a baixa voluntaria "para que cobre do fondo de garantía salarial e comezar el de novo con outra empresa".

Acoso

CIG lembra que hai traballadores que xa denunciaron ter sido obxecto de acoso laboral. E afirma que existen probas de que o propio empresario pintou o coche dun dos traballadores, delegado sindical da CIG, diante das cámaras do cuartel da Garda civil de Negreira.

Comentarios