O Estado recuperou apenas o 5% dos 53.500 millóns de euros que destinou a salvar a banca

Son os cálculos do Banco de España. Hai organismos que elevan a cantidade inxectada para resgatar os bancos a máis de 100.000 millóns de euros.

Bolsa de Madrid. (Foto: Europa Press)
photo_camera Bolsa de Madrid

O Banco de España vén de recoñecer que dos 53.553 millóns de euros de fondos públicos que desde 2009 se destinaron a salvar a banca só se recuperaron 2.686 millóns, o que representa un máis que discreto 5% do total. Porén, estes 53.553 millóns é o cálculo que emprega o Banco de España. Unha cifra que non coincide coa que se manexa polo Tribunal de Contas ou a Comisión da Competencia, que elevan a cantidade de diñeiro que o gobero inxectou na banca privada. Os diferentes criterios empregados para avaliar o que son ou nobn axudas, a disparidade nesas inxeccións de cartos e os formatos das mesmas... levan a que non haxa unha unanimidade na cantidade usada para resgatar a banca, mais si que todos coinciden en que o que se recupera é irrisorio.

Para o Tribunal de Contas, os recursos públicos empregados ou comprometidos na reestruturación das entidades financeiras nas actuacións que se levaron a cabo entre 2009 e 2012 andan perto dos 108.000 millóns de euros. Unha cifra notabelmente superior aos 53.000 millóns dos que fala o Banco de España. Mais hai cálculos que elevan máis aínda a cantidade determinada polo Tribunal de Contas.

Así temos, por exemplo, un informe da CNMC, Comisión Nacional dos Mercados e Competencia, que afirma que o sector bancario recibeu en axudas por volta de 141.000 millóns de euros. No cálculo, a CNMC inclúe 71.900 millóns de euros en activos garantidos. Ao que engade case 70.000 millóns máis en diñeiro para resgate de activos deteriorados ou recapitalización, entre outros.

Comentarios