Feijóo afirma que o Goberno enviou á UE unha proposta para o Naval e Bruxelas di descoñecela

O presidente da Xunta non quixo entrar e detalles sobre dita proposta e desde o BNG pídeselle que “non minta” e asuma “compromisos concretos” para salvar este sector
Concentración ante Navalia
photo_camera Concentración ante Navalia

O naval leva meses sendo unha pataca quente para os gobernos galego e español, conscientes de que o futuro deste sector, estratéxico en creación de emprego e en competitividade, está pendente dun fío. O presidente da Xunta vén de afirmar no Parlamento que o Executivo central remtiu unha proposta á Unión Europea sobre o naval. E faino horas despois de que o comisario Joaquín Almunia recoñecese á eurodiputada nacionalista Ana Miranda que Bruxelas non tiña coñecemento de que o Goberno español remitise proposta formal algunha sobre o ‘tax lease’.

Núñez Feijóo afirmou que o Goberno español remiteu unha proposta mais negouse a entrar en detalles ao respecto. O que provocou críticas da oposición, que considera que o presidente da Xunta está a erguer unha “cortina de fume”. Neste sentido, desde o BNG, Ana Pontón emprazou ao presidente da Xunta a que “deixe de mentir neste Parlamento” e asuma compromisos concretos que garantan o futuro do sector naval galego.

“A única realidade que quedou constatada logo da reunión da nosa eurodeputada Ana Miranda co señor Almunia, é que non hai ningún tipo de proposta e que vostede non conta coa necesaria axenda institucional de xuntanzas para desbloquear esta situación”.

Para Pontón, tamén a reciente viaxe a México do presidente da Xunta é outro exemplo nídio de que a súa palabra carece da mínima credibilidade, pois anunciou unha seria de contratos cando non hai nada pechado. Neste sentido, hai que lembrar que os anuncios de Feijóo de ter acadado un principio de acordo coa petroleira Pemex para que esta constrúa parte da súa flota auxiliar en asteleiros da Galiza xa foron postos en cuestión tanto por sindicatos coma mesmo por empresarios do sector.

Feijóo vai manter en breve unha xuntanza con representantes desa multinacional.

Comentarios