Fruga constata o fracaso do acordo lácteo e lembra que Galiza segue a ter os prezos máis baixos

A Federación afirma que nin sequer se logrou un modelo de contrato único “que evite os abusos das industrias”.

Fruga Leite
photo_camera Fruga Leite

Embora as leves subas, o prezo do leite en Galiza continúa no furgón de cola de Europa, non chega para cubrir os custos de produción e deriva no fechamento de explotacións leiteiras, máis de 600 só en 2016. A Federación Rural Galega lembra que o que se paga polo leite no noso país é un problema que se está a enquistar e que o acordo lácteo asinado en setembro de 2015 non axudou a resolver.

En febreiro a media do prezo que se pagou en Galiza foi de 30,30 céntimos por litro. A media estatal está nos 31,60 e en Europa é de 34,22 céntimos. En estados veciños, con produción excedentaria como Francia, o prezo chegou a 35,15 cts.

O acordo lácteo asignado polas organizacións agrarias estatais, UPA-Unións Agrarias e ASAJA, coa participación das industrias, cooperativas e a gran distribución non foi a solución. “A día de hoxe desde  Fruga preguntámonos para que serviu ese acordo. Os prezos percibidos polos gandeiros galegos non cubren os custos de produción na maior parte dos casos, o cal leva implícito que os gandeiros galegos suframos perdas en cada litro de leite que producimos”.

A organización lembrou que o acordo lácteo implicaba que tanto a industria como a gran distribución asumían unha serie de compromisos, destinados a aumentar o prezo do leite a percibir polos gandeiros. “Pasado o tempo, vemos como a maior parte dos contratos asignados nos últimos meses, contemplan prezos de 27 e 28 céntimos, o cal non se traduce en ningún tipo de suba”. Considera a Fruga que o Ministerio non conseguiu para nada os seus obxectivos, “e nin tan sequera foi quen de conseguir un modelo de contrato único, que evitara os abusos das industrias”.

Comentarios