“A ofensiva que se vive no Estado español contra o sistema público de pensións, co cuestionamento da súa viabilidade como punta de lanza, non é unha excepción en Europa, senón a regra”. A reflexión que nos traslada o economista Xosé B. Suárez sitúa a guerra na Galiza, e no Estado español, pola defensa do sistema público de prestacións nunha dinámica máis ampla: o combate contra unhas receitas de austeridade que, introducidas coa desculpa da crise, viñeron para ficar mesmo agora que gobernos e institucións falan da recesión en pasado e enchen a boca coa palabra “recuperación”.
Hai un ataque contra os sistemas públicos de pensións porque se quere abrir un novo espazo para suculentos negocios, explica Súarez. Bancos, Multinacionais, fondos de investimentos saben que aí hai negocio gorentoso e non pensan renunciar a el. “A sostibilidade do sistema cuestiónase por decisións políticas, non económicas”, insiste este economista, nun posicionamento que defenden sindicatos como CIG, LAB, CCOO ou CGT, entre outros.
Nesa ofensiva enmárcanse as reformas das pensións de 2011 e 2013 no Estado español. Medidas que tamén se deron noutros Estados. Porque a tendencia é que se revisen (á baixa, iso si) os sistemas públicos de pensións.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 288 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]