Galiza perdeu 11.000 ocupados na agricultura nestes cinco anos mentres España gañou 33.000

Entre 2012 e 2016 pasamos no noso país de ter 54.400 persoas ocupadas a menos de 43.300. Mentres, no estado e no noso período pasaron de 678.500 a perto de 712.000.

forraxe rolos rural agro

Os anos de crise foron un verdadeiro rolo compresor para os postos de traballo no estado español. Destruíuse emprego a esgalla ao longo destes período ao tempo que os que se creaban viñan co selo da eventualidade e a precariedade. Mais hai importantes diferenzas entre estado español e Galiza no que atinxe a esta cuestión. Unha delas, a relativa aos sectores afectados. Así, mentres no estado a volta ao sector primario nestes anos foi unha vía para o emprego, en Galiza iso non aconteceu.

A evolución entre 2012 e 2016 nas persoas ocupadas na agricultura rexistra comportamentos antagónicos en Galiza e no estado español. No noso país perdemos neses cinco anos 11.100 postos de traballo mentres que no mesmo período aumentou en 33.400 o número de empregos nese sector no estado español.

Se nos fixamos na industria agroalimentar, observamos igual tendencia. Entre 2012 e 2015 [último ano contabilizado] Galiza pasou de ter nese sector 38.400 empregos a menos de 33.500 en 2015. Perdemos perto de 5.000, o que vén sendo unha media de tres postos de traballo menos cada día. E que pasou en España neses mesmos anos? Pois que o número de persoas ocupadas aumentou en máis de 22.000. No 2012 eran 451.400 e no 2015 superaban as 475.500.

Un sector en Galiza cun comportamento contrario aos mencionados foi o da silvicultura, onde de 2012 a 2016 aumentou o número de ocupados nunhas mil persoas. No estado ese incremento foi pouco máis, polo que os postos de traballo xerados no noso país neses anos nesta actividade foron os que representaron a maioría do emprego no estado neste campo.

Comentarios