Galiza perdeu na crise o 11% das persoas afiliadas á Seguridade Social, das maiores mermas no Estado

A caída media no conxunto do Estado foi de menos do 8%, 3 puntos menos que no noso país que foi o cuarto territorio con maior perda de filiacións entre 2008 e 2016.

Traballador industria

Entre 2008 e 2016 a afiliación media á Seguridade Social sufriu en Galiza unha importante caída, un descenso moi superior ao que se rexistrou no Estado español. En xullo de 2008 a media de afiliación á S.S no noso país era de 1.094.898 persoas. Oito anos despois, en xullo de 2016, a cifra é de 973.973 afiliados, o que supón unha perda do 11,04 por cento nese período. No Estado, e durante eses oio anos, ese descenso foi menos do 8%, un 7,9%, como lembran desde a Unión Xeral de Traballadores. Só Castela-A Mancha, Asturies e Valencia presentan peores rexistros que Galiza.

O sindicato socialista aponta que desde o 2011 estamos por baixo do millón de persoas afiliadas. Unha mostra da febleza do mercado laboral galego. Os movementos na Seguridade Social, explica, que rexistran as estatísticas debuxan un mercado laboral moi inestábel, precario, marcado polos contratos temporais e cunha perda progresiva  dos salarios. O salario medio dun traballador con contrato a tempo parcial é un 63 por cento menor que o que ten un traballador a tempo completo. Diferenzas que medran continuamente dende o ano 2007.

“Que só en 12 meses en Galiza se rexistren 1,39 millóns de altas na Seguridade Social, 1,38 millóns de baixas, é dicir, 2,8 millóns de movementos, para que o aumento neto de afiliados non sobrepase os 19.354, indica precariedade, rotación excesiva na contratación, un nivel de contratos a tempo parcial involuntarios xa insoportable para o mercado laboral galego, en definitiva, emprego de baixa calidade”. 

Comentarios