Galegos e galegas van pagar o recibo da luz máis caro de todo o Estado español para compensar as eléctricas polo pagamento de impostos. Así o denuncia o BNG a través da súa parlamentar Noa Presas, que considera que estamos perante máis un exemplo da “discriminación” pola política enerxética “imposta desde o Estado e polos anteriores gobernos do Partido Popular”.
Para a deputada nacionalista, Galiza "a pesar de ser produtora e excedentaria de enerxía" terá que pagar "38 millóns de euros" polos 2 millóns que abonará Madrid "a pesar de que non produce enerxía".
Presas asegura que debido á orde que prepara o Goberno central para facer efectivas as sentenzas xudiciais que obrigan a compensar ás compañías eléctricas polos extracostes de produción. Cada galego e galega pagará "20 euros" na factura da luz.
"Feixóo non fixo os deberes a tempo e mentiu cando negou que Galiza non pagaría", dixo. Presas anunciou que o BNG rexistrará no Parlamento galego diversas iniciativas para que “Feixóo asuma a súa responsabilidade e estude todas as vías de negociación bilateral co Estado” sobre o borrador de orde e esixir ao Estado que “asuma o custo que lle pretende imputar a todos os galegos e galegas”.
En Marea apunta o Partido Popular como "responsábel" de que Galiza teña que afrontar o recibo da luz máis caro do Estado. "O incremento da factura débese entre outras cuestión á colaboración da Xunta achegando ao Estado a información necesaria para que se aplicase ese aumento".