O sector gandeiro galego leva meses atravesando unha produnda crise, acentuada polos baixos prezos aos que se lle paga o leite e que xa provocou o encerramento de millares de explotacións. Organizacións de produtores traballan agora para iniciar, a partir do día 6 de novembro, unha vaga de mobilziacións para denunciar esta situación e exixiren solucións.
Están a ser días de asembleas en diferentes comarcas do país (Barcala, Xallas, Deza, Melide...) nas que perfilar o alcance das protestas. Trabállase mesmo, e segundo a Organización de Productores Lácteos (OPL), como medida en desabastecer o mercado.
Desde 2005, mentres os ingresos d@s gandeir@s galegos pola venda de leite medraron un 0,9%, os custos de explotación fixérono nun 29,6%, co que a súa renda caeu nun 43%. Isto está provocado en boa medida porque o prezo que reciben é dos máis baixos da Unión Europea e o máis baixo do Estado español: un 5,5% menos que a media estatal, un 5,48% inferior ao de Portugal, un 1,10% inferior ao de Francia, un 5,65% ao de Alemaña e un 12,16% inferior ao de Holanda.
E a Xunta ten responsabilidades nesta crise: Galiza conta co 40% da produción láctea do Estado e co 50% dos produtores e produtoras, polo que o Goberno galego debería liderar a defensa do sector no Estado "en lugar de dedicarse, como fixo nos últimos anos, a eliminar importantes instrumentos dos que o Goberno anterior se dotara para defender o sector e que deron importantes resultados”, como ten denunciado a Fruga.