Historias de parad@s

Após se coñecer que o número de parado@s do país aproxímase xa d@s 300.000, Sermos Galiza acudiu ás oficinas de emprego para poñer cara a un drama social sen precedentes.
Yolanda Salgueiro e Eduardo Enrique González
photo_camera Yolanda Salgueiro e Eduardo Enrique González

O inminente cambio de estación achegou a Galiza o empeoramento da lacra social do desemprego, cunhas cifras sen precedentes na historia do País. Segundo os datos rexistrados polas oficinas dos servizos públicos de emprego, o número de parad@s das catro provincias beira xa o limiar d@s 300.000, cifra que a Xunta admitiu se superará ao longo do ano. Sermos Galiza estivo no escritorio de emprego de Santiago Norte, que atende a desempregad@s tanto da capital da Galiza coma do resto de concellos que configuran a comarca, para poñer cara a este drama social.

Malia que a directora da oficina de emprego de Santiago Norte, que leva á fronte da entidade dous anos e medio, manifestou en declaracións a Sermos Galiza que non notara un aumento da demanda de traballo dende que tomou as rédeas do escritorio, só hai que botar unha ollada ás faces da xente que agardan a súa quenda para comprender o delicado da situación. De feito, en relación ao mes de xaneiro, a comarca de Santiago sofreu un incremento de 206 parad@s no mes de febreiro, elevándose a 1.137 a suba de desempregad@s con respecto ao mesmo mes do ano anterior.

Yolanda Salgueiro fai parte da marea de traxedias sociais que a crise, os recortes e as políticas do déficit cero carrexaron. Cunha minusvalía do 35% aos 28 anos de idade, foille denegada a prórroga da pequena paga que percibía e o vindeiro mes perderá o seu fogar por non poder afrontar o aluguer. Arroupada polo seu compañeiro, orixinario de Colombia, e cos ollos empapados en bágoas, vén de denunciar que tamén a el lle foi desestimada a prestación “por mor dun erro burocrático”: “Acudimos ao concello de Teo para ver se nos axudaban a solucionar o problema de vivenda porque coa reagrupación das escolas moitas ficaron baleiras; na nosa aldea, por exemplo, cedéronlle unha a uns rapaces que teñen un grupo para que ensaiaran e, malia que son moi boa xente, non entendo coma se pode ceder un espazo público para fin lúdicos e non para unha cuestión de primeira necesidade como é a vivenda”, lamenta.

Doutra banda, a problemática do desemprego abala na Galiza con especial forza os menores de 25 anos, segmento da poboación que xa presenta un 50% de paro, malia representar unha da xeracións de galeg@s cun maior nivel de formación. Con todo, a directora da oficina sinala que “@s máis nov@s” que acoden a se apuntar nas listaxes do paro están “bastante motivad@s” e “conservan espectativas de futuro”. “O colectivo co que máis nos sensibilizamos é cos desempregad@s de entre 40 e 50 anos, xa que son os que nos transmiten maior sensación de angustia”, confesa.

Jannet Juán ten 42 anos e procede de Uruguai. Tras doce anos en Galiza ao longo dos cales inaugurou unha tenda de fotografía no concello de Rois que ao cabo se viu obrigada a pechar, abafada pola caída do consumo e o incremento do custo da vida. Agora procura “calquera tipo de emprego”, tal e como a maioría da xente coa que tivemos oportunidade de falar. Este tamén é o caso de Paco Rarís, quen ás súas 28 primaveras, leva tres meses procurando emprego após quebrar a empresa de Padrón na que traballaba de soldador. No entanto, confesa que as súas perspectivas de futuro son “bastante más” e lamenta a escaseza de ofertas recollidas no servizo de procura de emprego electrónico.

Afortunadamente, outr@s coma Eddy Salazar, orixinario de Ecuador, e Alberto Buceta de Caldas de Reis, albiscan unha certa esperanza. O día de mañá abrirán unha tenda de tatuaxes na céntrica rúa de San Pedro e, embora recoñecer estaren “moi asustados” polo crédito que tiveron de solicitar ao banco para poderen arrincar o negocio, afirman que “quen non arrisca non gaña”.

Con nós tamén falou un parado de escasa idade que non quixo ser identificado e que se achegou á sucursal de Santiago Norte interesada polos cursos de formación que se ofertan dende o servizo público de emprego. “Levo moito tempo intentando que me acepten nun e non hai maneira e, a pesar, de que non son moi interesantes, nun momento coma este, non está a cousa para elixir; conformaríame con calquera cousa”, manifesta.

Porén, a directora da oficina afirmou que “é moi difícil que alguén interesad@ nun curso fique fóra” e que, en todo caso, se isto sucede “é porque a persoa en cuestión non amosou o interese debido”. “Non me consta que se reducisen os presupostos destinados a crear emprego pero, para ter éxito, a procura de emprego exixe moitísimo esforzo”, reitera. Aliás, non hai que esquecer que a Xunta cortou este ano nun 40% as políticas de emprego, nun contexto en que o paro en Galicia acadou o seu récord histórico e todas as previsións macroeconómicas apuntan ao empeoramento da situación.

Comentarios