Leve suba dos prezos do leite en setembro non evita o fechamento de 51 granxas

Pagouse o litro a unha media de 28,2 céntimos. Aumenta a respecto de agosto (27,2) mais continúa por baixo do prezo co que comezou o ano.

Leite

Setembro deixou unha nova suba no prezo do leite en Galiza, que se pagou nese mes a unha media de 28,2 céntimos, segundo o informe mensal da FEGA, o Fondo español de garantía agraria. Após un 2016 no que acumulou sete meses de caídas nos prezos, agosto e agora setembro traen un pequeño repunte. Porén, ese leve aumento non para a sangría de fechamentos de explotacións no noso país: 51 en setembro e 46 en agosto.

Así pois, embora a suba nos prezos rexistrada neses dous meses, desapareceron 97 explotacións lácteas no mesmo período. Desde inicio de ano, tiveron que botar o fecho 420 granxas en Galiza. No total do Estado foron 719. Así pois, as galegas representaron o 58% das explotacións fechadas.

En setembro entregáronse en Galiza 203.000 toneladas de leite, unha cantidade sensibelmente superior á rexistrada en 2015 (187.000 Tm) e 2014 (case 200.000 toneladas). O informe do FEGA (Fondo español de garantía agraria) confirma tamén que o leite galego mantense na parte alta no que se refire a contidos de materia graxa e proteína.

Comentarios