Para moit@s foi a primeira gran manifestación do sector da banca en Galiza. Milleiros de persoas ocuparon por unhas horas primeiro a Alameda e logo as rúas da capital galega para protestar polos despedimentos anunciados por Novagalicia Banco para este mesmo ano. Convocados por CIG, CC.OO., Csica, UGT, CGT e ASCA, contou tamén coa presenza dunha delegación do BNG e tamén de afectad@s polas preferentes. "Denunciamos o que pode ser a culminación do expolio do aforro galego", declarou o portavoz nacionalista Francisco Jorquera antes do comezo da manifestación, "exiximos a derrogación deste plan de reestruturación, é necesaria outra estratexia distinta a socializar as perdas e logo vender a prezo de saldo a inversionistas privados".
Ao inicio da manifestación estaban representantes dos sindicatos deste sector. Clodomiro Montero, secretario da CIG-Banca, apuntaba unha das causas que levaron a esta situación. "O rescate bancario ao final leva consigo unha reestruturación de entidades que perxudica a todos, aqui hai desde xente da Obra Social até afectados polas preferentes".
Desde a saída na Alameda até a Praza das Praterías a choiva compañou os berros de indignación d@s participantes. "Feijóo, non foi fusión que foi demolición", "Somos traballadores e non estafadores" e "Menos imposición, negociación" eran algúns dos que se podían escoitar.
Algunhas das persoas que participaron na manifestación acudiron en solidariedade. Foi o caso dun ex-traballador dunha das caixas fusionadas que se prexubilou en 2009 despois de 33 anos traballando nunha oficina en Compostela. "Estou aquí polo meu fillo. É unha irresponsabilidade política e dos directivos que deberían dimitir todos e buscar tecnócratas para que dirixan a operación". Ao seu carón estaba o seu fillo, traballador nunha das oficinas da cidade que non quixo opinar. "Temos presións para non falar agora que queren despedir á xente".
"Estamos unidos para dicirlles que non nos enganan, os bos e xenerosos dos que fala o noso Himno pedimos xustiza, traballo, dispoñer dos nosos aforros e que se devolvan os beneficios do Banco para a súa obra social"
Outras persoas fixeron moitos quilómetros para manifestarse. Dámaso, do concello ourensán de Manzaneda, pensa que as decisións de Feijóo e Castellanos "son unha desfeita". Traballa nun municipio pequeno onde a súa é a única entidade financeira. "Pecharon as de San Xoán de Río e Chandrexa de Queixa e hai un ruxe-ruxe de que podemos pechar nós tamén mais a xente non o sabe". Sinala que a xente do rural non está de acordo co peche da oficina posto que terían que ir a Trives. "Funden o rural".
Manifesto
"Estamos nunha manifestación histórica que aglutina a soberanía financeira de Galiza". Xurxo Souto comezou deste xeito a lectura do manifesto que reivindicaba a Obra Social das caixas galegas. Chovía nunha Praza de Praterías ateigada de manifestantes que chegaban até a mesma Praza Galiza. "A Obra social significou unha oferta chea de boas ideas, con axudas a profesionais de todas as áreas", sinalaba o músico e locutor.
Após, continuou coa lectura o actor Gonzalo Rei Chao. "Os mercaderes que nos gobernan hoxe sempre quixeron que desapareceran as caixas, sempre buscando o seu beneficio". No manifesto salientábase a socialización das perdas e a privatización dos beneficios. "O rescate acabará nos petos dos accionistas privados". As exixencias d@s manifestantes quedaron ben clariñas. "Estamos unidos para dicirlles que non nos enganan, os bos e xenerosos dos que fala o noso Himno pedimos xustiza, traballo, dispoñer dos nosos aforros e que se devolvan os beneficios do Banco para a súa obra social, os féridos e duros son os que queren impoñer máis de 2.500 despedimentos".
Rematou a lectura co anuncio de convocatoria dunha folga en todas as oficinas de NGB do país para o vindeiro día 21 de xaneiro.