Sobre a presunta auditoría, que KMPG negou que xistise, baseou Núñez Feixóo a xustificación discursiva da fusión de entidades bancarias que deu, finalmente, na súa liquidación. O viceportavoz de En Marea Antón Sánchez lembrou que leva desde 2013 -cando xa era deputado por Alternativa Galega de Esquerda- reclamando ese documento.
Sánchez explicou aos medios de comunicación que a súa petición de amparo se apoia no artigo 9 do regulamento da Cámara, segundo o que o Goberno galego ten obrigadamente que responder.
O propio Feixóo adm itiu recentemente que non se realizou “unha auditoría”. Fíxoo despois de que un dos encargados de KMPG para realizar o informe co que a Xunta fundamentou a súa decisión de fusionar as caixas así o expuxese no Congreso dos Deputados. En Marea tamén pide os documentos manexados polos técnicos da Consellaría de Facenda, daquela encabezada por Marta Fernández Currás.
Antón Sánchez asegurou que a mencionada carta desapareceu da documentación que o Goberno galego remitiu ao Parlamento cando se creou a comisión de investigación sobre o sucedido coas caixas de aforros. Foi en 2013. Cinco anos despois, o citado organismo aínda non emitiu ningún ditame.
“Feixóo minte na probabelmente máis importante decisión dos últimos 30 anos”, concluíu Sánchez.